26 de out. de 2017

O alcalde de Portas convoca dous plenos con 15 minutos de diferenza

O PP nega os dereitos democráticos da oposición

Para mañá venres 27 de outubro están convocados dous plenos da corporación municipal de Portas cunha diferenza de 15 minutos entre eles. O primeiro ás 19:15 h. é extraordinario solicitado polo BNG-Asembleas Abertas para demandar explicacións polas obras ilegais realizadas na contorna da igrexa de Santa María de Portas, e o segundo ás 19:30 h. é ordinario e completamente baleiro de contido.

O alcalde négase a dar explicacións por tardar 22 días en paralizar unhas obras sen licenza nun entorno protexido e pretende liquidar en 15 minutos o pleno extraordinario onde esixiremos explicacións convincentes ou a súa dimisión. O BNG-AA pregúntase que trata de ocultar o alcalde dilatando a paralización dunhas obras manifestamente ilegais e sobre as cales nin tan sequera adoptou medidas cautelares como esixían os técnicos municipais?

En canto ao pleno ordinario o Partido Popular continúa coa súa estratexia planificada dende inicio de lexislatura de negar todo dereito político ao noso grupo municipal. O talante sectario e antidemocrático do goberno municipal tradúcese no incumprimento sistemático dos acordos plenarios, non convocando a “comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno”, negándose a responder calquera pregunta plenaria da oposición, excluíndo da orde do día dos plenos as mocións da oposición presentadas en tempo e forma e reducindo á mínima expresión os plenos ordinarios ata o punto de que os únicos puntos sometidos a votación son a aprobación de actas de sesións anteriores. O debate é unha utopía e calquera indicio de transparencia unha quimera, ata o punto de que incluso o alcalde decidiu prescindir dun punto tan inocente como “informes da presidencia”.