09/10/2017

Nota de prensa - 22 días para paralizar unhas obras ilegais xunto á igrexa de Portas

O alcalde terá que dar explicacións nun pleno extraordinario

O BNG-Asembleas Abertas ven de presentar no rexistro do concello de Portas unha solicitude de pleno extraordinario para que o alcalde dea explicacións por tardar 22 días en facer efectiva a paralización dunhas obras ilegais en zona de protección de Patrimonio.

O 14 de xullo pasado o BNG-Asembleas Abertas denunciou no concello que se estaban a realizar obras no entorno protexido da igrexa de Santa María de Portas sen licenza municipal nin a preceptiva autorización previa de Patrimonio. As obras consistían en importantes movementos de terra coa intención de construír un muro de cachotes ao pé da igrexa, do cemiterio e incluso preto dun pombal.

As obras continuaron impunemente ate polo menos o 5 de agosto coa total complicidade do goberno municipal que, mediante unha sorte de prórroga arbitraria, permitiu que a empresa seguise agrandando o dano causado.

O alcalde deberá explicar por que se tardaron 22 días en paralizar unhas obras ilegais que se ven perfectamente dende as oficinas municipais e a escasos metros da súa propia casa ou que nin sequera tomase medidas cautelares como esixían os técnicos municipais. 8 días para un informe da arquitecta municipal, 3 días para o informe do secretario, 4 días entre a sinatura da orde de paralización e a comunicación aos infractores e polo menos 7 días máis de traballos incumprindo a orde de paralización.

O voceiro do grupo municipal, Santiago Carballo, pediu explicacións no primeiro pleno posible, o celebrado o 1 de setembro, sen embargo, o alcalde negouse a responder remitíndonos a unha contestación por escrito que mes e medio despois seguimos agardando. O BNG-Asembleas Abertas non cesará ata que o alcalde dea explicacións convincentes por este trato de favor ou dimita.

BNG-Asembleas Abertas reclama respostas, repoñer a legalidade urbanística e que os feitos se poñan en coñecemento dos organismos competentes para dirimir as responsabilidades que puider dar lugar por esta desfeita en terreos protexidos. A igrexa de Santa María de Portas ten sufrido máis agresións nos últimos 25 anos que nos anteriores 8 séculos.


Solicitude de pleno extraordinario - Obras sen licenza na finca da Reitoral da igrexa de Portas


Hoxe rexistramos na casa do concello unha solicitude de pleno extraordinario para demandar as explicacións que o alcalde se nega a dar sobre as obras sen licenza que se están a realizar na finca da Reitoral da igrexa de Portas.
No pleno do 1 de setembro Víctor Estévez negouse a responder as nosas preguntas, remitíndonos a unha contestación por escrito, que mes e medio despois seguimos agardando.
Esta é a forma de entender a democracia do Partido Popular, tratos de favor aos amigos e negativa a responder á oposición. Insistiremos.