16/08/2017

Ningún médico no centro de saúde de Portas o luns 14

O BNG-Asembleas Abertas presenta unha moción demandando a cobertura de baixas e vacacións do persoal sanitario
Dende hai semanas, o SERGAS non cubre as baixas por vacacións do persoal sanitario do centro de saúde de Portas, ata o extremo de que o pasado luns 14 de agosto, día laborable, o centro de saúde quedou totalmente ao “descuberto” sen ningún facultativo para atender os pacientes de todo o concello, que sobrepasa os 3000 habitantes.
Para suplir as baixas simultáneas por vacacións estivais dos dous médicos titulares, o SERGAS enviou un único médico substituto e ademais só a media xornada. O luns 14 de agosto nin sequera o médico substituto apareceu polo centro de saúde.
O BNG-Asembleas Abertas considera esta situación de todo inaceptable, e ante a pasividade absoluta do grupo de goberno, hoxe mesmo presentou unha moción no concello de Portas para esixir ao SERGAS a cobertura ao 100% das baixas e vacacións dos profesionais sanitarios do centro de saúde de Portas. Ademais solicítase enviar unha carta ao Conselleiro de Sanidade da Xunta, asinada por todos os membros da Corporación, coa demanda do cumprimento do punto anterior.

Moción en demanda da cobertura das baixas e vacacións do persoal sanitario do centro de saúde de Portas

Hoxe presentamos no rexistro do concello unha moción para demandar a cobertura do 100% das baixas e vacacións do persoal sanitario do centro de saúde de Portas.
O SERGAS non cubre as baixas e/ou vacacións do persoal sanitario do centro de saúde de Portas, ata o extremo de que o pasado luns 14 de agosto, día laborable, o centro de saúde quedou totalmente ao “descuberto” sen ningún médico para atender os pacientes de todo o concello, que lembremos ten máis de 3000 habitantes.
Para suplir as baixas por vacacións estivais dos dous médicos titulares, o SERGAS enviou un único médico substituto e só a media xornada, o cal é de todo inaceptable. Ademais o luns 14 o médico facultativo tampouco apareceu polo centro de saúde.