04/08/2017

O concello de Portas non detén unhas obras ilegais con orde de paralización vixente

Obras sen licenza a escasos metros da igrexa de Santa María de Portas
No entorno protexido da igrexa de Santa María de Portas estanse a realizar obras sen licenza municipal nin autorización de Patrimonio.Os terreos nos que se están a realizar as obras pertencen á Igrexa, que os ten alugados para unha plantación de viñedo.
Como se pode observar nas fotografías, as obras distan menos de 30 metros de elementos patrimoniais como a igrexa, o cemiterio ou un pombal. As obras están consistindo en movementos de terra e creación de grandes muros de cachotes sen respectar nin distancias nin tipoloxías tradicionais de cantería.
Ante as denuncias veciñais, a arquitecta municipal constatou que as obras non tiñan licenza municipal polo que procedeu a redactar un informe, que deu lugar a unha orde de paralización de obras por parte da Alcaldía.
A pesares da orde de paralización, as obras continúan impunemente dende hai dúas semanas. O alcalde non está a tomar as medidas ao seu alcance para facer cumprir a súa propia orde de paralización de obras.
BNG-Asembleas Abertas reclama o cumprimento da lei e que o alcalde faga cumprir a orde de paralización de obras que el mesmo asinou. O patrimonio é de todos e todas e debemos facer todos os esforzos necesarios por conservalo.