23 de maio de 2017

O PP négase a reclamarlle responsabilidades ao exalcalde Roberto Vázquez polas condenas derivadas da desprotección a unha traballadora municipal

O concello carece de seguro de convenio, obrigatorio por lei
Onte celebrouse o pleno extraordinario solicitado polo BNG-Asembleas Abertas para tratar de forma monográfica a situación creada polas sucesivas condenas contra o concello de Portas como consecuencia da desprotección con pleno coñecemento dunha traballadora municipal que finalmente sufriu unha brutal agresión.
A pesares das abafadoras evidencias das omisións en materia de riscos laborais cometidas polo exalcalde popular Roberto Vázquez con pleno coñecemento e reflexadas ata en tres sentenzas condenatorias diferentes, o Partido Popular pechou dun portazo a petición do BNG-Asembleas Abertas de reclamarlle responsabilidades. O Partido Popular optou por protexer ao seu socio de goberno e excompañeiro de partido, cargando nas arcas municipais e nos petos dos veciños e veciñas de Portas as neglixencias dos seus dirixentes.
O BNG-Asembleas Abertas demostrou que hai base legal moi sólida (artigos 78.1 e 78.3 da lei de bases de réxime local, artigo 60 das disposicións legais vixentes en materia de réxime local e artigo 225.1 do regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais) para esixir responsabilidade civil a un membro da Corporación cando concorran como neste caso as seguintes circunstancias:
  1. omisións realizadas no exercicio do seu cargo,
  2. culpa grave, e
  3. teñan causado danos e prexuízos ao concello.

1. As sentenzas do 20 abril de 2016 do Xulgado do Social nº4 de Pontevedra e do 6 de marzo de 2017 da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acreditaron a omisión en materia de riscos laborais por “meridiana inactividade ou pasividade” do alcalde que era o xefe de persoal e ostentaba en exclusiva a competencia en materia de seguridade e saúde dos traballadores do concello. A sentenza do TSX di: “non nos atopamos ante un suposto de indebida ou defectuosa execución de determinadas medidas de prevención, senón ante un caso de meridiana inactividade ou pasividade da empregadora en relación ao risco referido”.
2. Estas mesmas sentenzas recaídas ata a data ditaminan que o alcalde incorreu en culpa grave, de feito o TSX entendeu xustificado a aplicación do 50% de recargo de prestacións, que é a máxima sanción posible e de aplicación “personalísima”, é dicir, non pode ser desprazada a terceiros como a seguridade social ou un seguro. O TSX di: “A gradación nun 50% (porcentaxe máxima) é axustada á gravidade da conducta da empregadora”.
3. Como consecuencia das sentenzas anteriores o concello de Portas foi condenado ao pago de recargo de prestacións cun desembolso de 184.000 euros. Ademais, a sentenza de 23 de novembro de 2016 do xulgado do social nº2 de Pontevedra condenou ao concello de Portas a aboar outros 47.000 euros en concepto de indemnización por aplicación do convenio colectivo do contrato da traballadora, que era o da construción aínda sendo asistenta social. É evidente que existen danos e prexuízos para o concello.
Para máis inri, o concello de Portas carece do seguro obrigatorio de convenio polo que vai ter que aboar os 47.000 euros con cargo ás súas arcas. Por lei establécese que para cubrir as indemnizacións estipuladas no convenio colectivo da construción é necesario que a empresa empregadora, neste caso o concello, concerte o preceptivo seguro, feito que non se fixo, sendo competencia exclusiva do alcalde. Outro incumprimento claro da normativa laboral cun grave prexuízo para o concello.
Está pendente de resolución xudicial a reclamación da extraballadora por responsabilidade civil derivada de accidente de traballo por valor de 502.051,38 €, que dados os antecedentes e os feitos probados sen discusión polas partes nas sentenzas previas, probablemente sexa contraria aos intereses municipais. Unha nova condena por ese importe deixaría o concello ao borde do colapso económico.
Roberto Vázquez non pode alegar descoñecemento en materia de riscos laborais no momento da agresión á asistenta social, pois só 4 meses antes asinara un acordo extraxudicial para non ir a xuízo con outro exempregado do concello que anos antes sufrira un grave accidente laboral por incumprimento das medidas de seguridade e saúde. O concello tampouco tiña contratado o seguro patronal obrigatorio polo que a indemnización de 90.000 euros saíu directamente das arcas municipais. Ademais por estes feitos o concello foi sancionado cunha multa de 15.200 euros por parte da Inspección de Traballo.
Convén lembrar que no momento da agresión á asistenta social, 2 de xullo de 2012, Roberto Vázquez seguía pertencendo ao Partido Popular aínda imputado por delito fiscal e falsificación documental. Ao día seguinte da agresión, 3 de xullo de 2012, Roberto Vázquez e os outros 6 membros do seu grupo solicitaron a baixa provisional de militancia no Partido Popular. Un mes despois, en agosto de 2012, Roberto Vázquez foi condenado por recoñecemento dos delitos polos que estaba imputado.
BNG-Asembleas Abertas reclama a asunción de responsabilidades do exalcalde popular Roberto Vázquez e do actual alcalde popular Víctor Estévez, que se converteu en cómplice do primeiro por ocultación e por poñer os intereses partidistas por diante dos intereses dos veciños e veciñas de Portas.