8 de maio de 2017

O concello de Portas condenado a aboar outros 47.000 euros a unha extraballadora social

O contrato da asistenta social estaba sometido ao convenio colectivo da construción e non ao de oficinas e despachos

O 23 de novembro de 2016 o concello de Portas foi condenado en sentenza nº 401/16 do xulgado do social nº 2 de Pontevedra a aboar a Mónica Ferro Folgar a suma de 47.000 euros en concepto de indemnización por aplicación do convenio colectivo da construción, que establece que lle corresponde á traballadora o dereito a percibir esa cantidade no suposto de incapacidade permanente absoluta derivada de accidente de traballo. A sentenza foi recorrida polo concello.

Mónica Ferro Folgar, traballadora social contratada como persoal laboral fixo polo concello de Portas, foi brutalmente agredida o 2 de xullo de 2012, sendo alcalde Roberto Vázquez aínda no Partido Popular. Como consecuencia das lesións por este “accidente de traballo” foi declarada cunha invalidez permanente absoluta. Distintas sentenzas xudiciais determinaron que este é un “caso de meridiana inactividade ou pasividade” do concello en relación aos riscos aos que estivo sometida a traballadora polo que o concello foi condenado en firme cunha sanción de 183.693,50 € e pago de costas. O concello de Portas con pleno coñecemento desamparou á traballadora con terribles consecuencias.

Se o convenio colectivo de referencia do contrato asinado entre ambas partes fose o de “oficinas e despachos” e non o da “construción”, como parece máis lóxico, os efectos económicos para as arcas municipais serían moi inferiores.

A pesares de todo, ningún responsable do goberno municipal ten asumido algún tipo de responsabilidade, nin no momento da agresión, nin posteriormente, nin actualmente. Roberto Vázquez segue sendo concelleiro e socio do actual grupo de goberno.

Nun intento por ocultar as consecuencias das neglixencias do seu excompañeiro de partido, o goberno municipal do PP non informou á oposición da existencia desta sentenza xudicial nin da presentación do recurso de suplicación posterior.

BNG-Asembleas Abertas esixe a dimisión de Roberto Vázquez Souto e a súa retirada da vida política, demanda transparencia do goberno municipal do PP e pídelle explicacións polas decisións tomadas que teñen agravado as consecuencias do “accidente laboral”.