4 de abr. de 2017

Convocatoria extraordinaria da Comisión Especial de Contas

O venres 28 de abril de 2017 ás 20:30 h. celebrarase unha sesión extraordinaria da comisión especial de contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación acta sesión 24/02/2017.
  2. Informe conta xeral exercizo 2016.

O BNG-Asembleas Abertas consegue o compromiso do goberno municipal de destinar 20.000 euros ao arranxo urxente dos parques infantís de Portas

Aprobada a moción do BNG-Asembleas Abertas para reparar os parques infantís de Portas

O pasado venres 24 de marzo o pleno da corporación de Portas aprobou por unanimidade a moción que o grupo municipal BNG-Asembleas Abertas presentara o 2 de marzo para reclamar a reparación urxente dos parques infantís municipais así como a aprobación á maior brevidade posible dun plan de mantemento dos mesmos.
O goberno municipal comprometeuse a destinar a tal fin unha partida de 20.000 euros procedentes dos fondos que lle corresponden a Portas da liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2017 da Deputación.
Este acordo plenario chega só tres semanas despois de que se aprobase o orzamento municipal do ano 2017 (3 de marzo de 2017), que como denunciara o BNG-AA non responde ás necesidades da cidadanía, demostrando unha vez máis o nivel de improvisación dun goberno municipal desnortado.
O nulo mantemento dende a súa construción provocou que o estado actual no que se atopan todos os parques infantís municipais das catro parroquias sexa deplorable. Dándose casos de extremo perigo para os usuarios, con táboas rotas ou desaparecidas que deixan á vista cravos e parafusos, xunto a balados podres e oxidados.
BNG-Asembleas Abertas considera positivo o acordo acadado para a reparación urxente dos parques infantís pero con todo manterase vixiante para esixir a súa execución, dados os antecedentes de incumprimento sistemático dos acordos plenarios por parte do goberno.

Cravos oxidados en Cachal (Lantaño).
Balado podre e oxidado en Portadeconde (Portas).
Parafusos oxidados en San Xoán (Portas).

Táboas rotas, pedras e madeira podre na Rapeira (Portas).
Parafusos oxidados e madeira podre na Rapeira (Portas).