31 de out. de 2017

Nota de prensa - O administrador único da empresa responsable das obras sen licenza xunto á igrexa de Portas é José Antonio Landín Eirín, exalcalde de Barro

Víctor Estévez, que foi candidato do PP á alcaldía de Portas por mediación de Landín, négase a dar explicacións

O venres pasado, 27 de outubro, celebrouse na casa do concello de Portas un pleno extraordinario solicitado polo BNG-Asembleas Abertas para tratar de forma monográfica as obras sen licenza municipal nin a preceptiva autorización previa de Patrimonio na finca da reitoral da igrexa de Portas. O alcalde, Víctor Estévez, negouse a responder as preguntas do BNG-AA e rexeitou dar explicacións por tardar máis de 22 días en paralizar unhas obras ilegais no entorno protexido da igrexa románica de Santa María de Portas do século XII.

Por que non se fixo nada contra unhas obras tan visibles ata a denuncia do BNG-AA? Por que a arquitecta municipal tardou 5 días en facer a visita de comprobación dende a denuncia a pesares de que as obras se ven dende as oficinas municipais? Por que se deixaron pasar 4 días, de luns a venres, dende que o alcalde asinou a orde de paralización de obras ata que se lle comunica á empresa? Por que non se tomaron medidas cautelares como impoñía o informe da arquitecta municipal? Por que non se comunicou a orde de paralización ao rexistro da propiedade como esixía o informe da Secretaría? Por que non se lle comunicou a situación a Patrimonio como impón a lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia? Por que a empresa incumpre deliberadamente a orde de paralización durante máis de 7 días e non ten consecuencias? Por que o alcalde non pon en coñecemento da fiscalía o incumprimento da orde de paralización de obras como suxire o informe da arquitecta municipal? Por que o concello cualifica as obras de “reforma de muro de contención” cando non consta solicitude de licenza por escrito e polo tanto non debería saber o que se pretende construír? Por que o alcalde cualifica as obras de “reforma” cando o que se pretende facer é un muro completamente novo e distante moitos metros do preexistente muro de cachotes?

As obras estanse realizando nunha propiedade do Arcebispado de Santiago que ten alugados os terreos para crear unha plantación de viñedo á empresa “Explotación Ría de Barosa S.L.”. O administrador único de dita empresa dende que se constituíu o 26 de febreiro de 2007 e ata o 10 de outubro de 2017 foi José Antonio Landín Eirín, exalcalde do concello veciño de Barro durante case tres décadas (fonte: Infoempresa.com). Casualmente Landín cesou como administrador único da empresa ao día seguinte de rexistrar o BNG-Asembleas Abertas a solicitude de pleno extraordinario, cese que foi publicado no boletín oficial do rexistro mercantil de 19 de outubro de 2017 (Borme Pontevedra 19-10-2017).

José Antonio Landín, veciño de Briallos, parroquia natal de Estévez, presume de ser o responsable de influír neste para que encabezase a lista do Partido Popular en Portas nas eleccións municipais de 2015.

Atopámonos ante un novo episodio de trato de favor do Partido Popular a un compañeiro de partido.

O BNG-Asembleas Abertas esixe a dimisión de Víctor Estévez polo trato de favor cara o seu mentor político José Antonio Landín, a reposición da legalidade urbanística e que os feitos se poñan en coñecemento dos organismos competentes para dirimir as responsabilidades que puider dar lugar por esta desfeita en terreos protexidos.


Ningún comentario: