31 de out. de 2017

Nota de prensa - O administrador único da empresa responsable das obras sen licenza xunto á igrexa de Portas é José Antonio Landín Eirín, exalcalde de Barro

Víctor Estévez, que foi candidato do PP á alcaldía de Portas por mediación de Landín, négase a dar explicacións

O venres pasado, 27 de outubro, celebrouse na casa do concello de Portas un pleno extraordinario solicitado polo BNG-Asembleas Abertas para tratar de forma monográfica as obras sen licenza municipal nin a preceptiva autorización previa de Patrimonio na finca da reitoral da igrexa de Portas. O alcalde, Víctor Estévez, negouse a responder as preguntas do BNG-AA e rexeitou dar explicacións por tardar máis de 22 días en paralizar unhas obras ilegais no entorno protexido da igrexa románica de Santa María de Portas do século XII.

Por que non se fixo nada contra unhas obras tan visibles ata a denuncia do BNG-AA? Por que a arquitecta municipal tardou 5 días en facer a visita de comprobación dende a denuncia a pesares de que as obras se ven dende as oficinas municipais? Por que se deixaron pasar 4 días, de luns a venres, dende que o alcalde asinou a orde de paralización de obras ata que se lle comunica á empresa? Por que non se tomaron medidas cautelares como impoñía o informe da arquitecta municipal? Por que non se comunicou a orde de paralización ao rexistro da propiedade como esixía o informe da Secretaría? Por que non se lle comunicou a situación a Patrimonio como impón a lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia? Por que a empresa incumpre deliberadamente a orde de paralización durante máis de 7 días e non ten consecuencias? Por que o alcalde non pon en coñecemento da fiscalía o incumprimento da orde de paralización de obras como suxire o informe da arquitecta municipal? Por que o concello cualifica as obras de “reforma de muro de contención” cando non consta solicitude de licenza por escrito e polo tanto non debería saber o que se pretende construír? Por que o alcalde cualifica as obras de “reforma” cando o que se pretende facer é un muro completamente novo e distante moitos metros do preexistente muro de cachotes?

As obras estanse realizando nunha propiedade do Arcebispado de Santiago que ten alugados os terreos para crear unha plantación de viñedo á empresa “Explotación Ría de Barosa S.L.”. O administrador único de dita empresa dende que se constituíu o 26 de febreiro de 2007 e ata o 10 de outubro de 2017 foi José Antonio Landín Eirín, exalcalde do concello veciño de Barro durante case tres décadas (fonte: Infoempresa.com). Casualmente Landín cesou como administrador único da empresa ao día seguinte de rexistrar o BNG-Asembleas Abertas a solicitude de pleno extraordinario, cese que foi publicado no boletín oficial do rexistro mercantil de 19 de outubro de 2017 (Borme Pontevedra 19-10-2017).

José Antonio Landín, veciño de Briallos, parroquia natal de Estévez, presume de ser o responsable de influír neste para que encabezase a lista do Partido Popular en Portas nas eleccións municipais de 2015.

Atopámonos ante un novo episodio de trato de favor do Partido Popular a un compañeiro de partido.

O BNG-Asembleas Abertas esixe a dimisión de Víctor Estévez polo trato de favor cara o seu mentor político José Antonio Landín, a reposición da legalidade urbanística e que os feitos se poñan en coñecemento dos organismos competentes para dirimir as responsabilidades que puider dar lugar por esta desfeita en terreos protexidos.


26 de out. de 2017

O alcalde de Portas convoca dous plenos con 15 minutos de diferenza

O PP nega os dereitos democráticos da oposición

Para mañá venres 27 de outubro están convocados dous plenos da corporación municipal de Portas cunha diferenza de 15 minutos entre eles. O primeiro ás 19:15 h. é extraordinario solicitado polo BNG-Asembleas Abertas para demandar explicacións polas obras ilegais realizadas na contorna da igrexa de Santa María de Portas, e o segundo ás 19:30 h. é ordinario e completamente baleiro de contido.

O alcalde négase a dar explicacións por tardar 22 días en paralizar unhas obras sen licenza nun entorno protexido e pretende liquidar en 15 minutos o pleno extraordinario onde esixiremos explicacións convincentes ou a súa dimisión. O BNG-AA pregúntase que trata de ocultar o alcalde dilatando a paralización dunhas obras manifestamente ilegais e sobre as cales nin tan sequera adoptou medidas cautelares como esixían os técnicos municipais?

En canto ao pleno ordinario o Partido Popular continúa coa súa estratexia planificada dende inicio de lexislatura de negar todo dereito político ao noso grupo municipal. O talante sectario e antidemocrático do goberno municipal tradúcese no incumprimento sistemático dos acordos plenarios, non convocando a “comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno”, negándose a responder calquera pregunta plenaria da oposición, excluíndo da orde do día dos plenos as mocións da oposición presentadas en tempo e forma e reducindo á mínima expresión os plenos ordinarios ata o punto de que os únicos puntos sometidos a votación son a aprobación de actas de sesións anteriores. O debate é unha utopía e calquera indicio de transparencia unha quimera, ata o punto de que incluso o alcalde decidiu prescindir dun punto tan inocente como “informes da presidencia”.


24 de out. de 2017

Pleno Ordinario

O venres 27 de outubro de 2017 ás 19:30 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 01/09/2017.
  2. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 26/09/2017.
  3. Dación de conta dos decretos e resolucións da alcaldía.
  4. Informe período medio de pago 3T - 2017.
  5. Rogos e preguntas.
Roberto Vázquez e Mercedes Calvo parecían insuperables pero nunca se pode ser tan optimista, xa sabemos que hai quen os adianta.
Convocan dous plenos, un extraordinario para tratar as obras ilegais na finca da reitoral de Portas e outro ordinario, cunha diferenza entre eles de só 15 minutos (queren liquidalos pola vía rápida), non convocan previamente ao pleno ordinario a comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno como é obrigatorio por acordo plenario e parar rizar o rizo non inclúen as mocións do noso grupo presentadas en tempo e forma.
Este é o modo de entender a democracia do Partido Popular: asoballar ao oponente político polo simple feito de non pensar igual que eles.

22 de out. de 2017

16 de out. de 2017

Pleno Extraordinario

O venres 27 de outubro de 2017 ás 19:15 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello solicitado polo noso grupo municipal coa seguinte orde do día:
  1. Obras sen licenza na finca da reitoral da igrexa de Portas.

9 de out. de 2017

Nota de prensa - 22 días para paralizar unhas obras ilegais xunto á igrexa de Portas

O alcalde terá que dar explicacións nun pleno extraordinario

O BNG-Asembleas Abertas ven de presentar no rexistro do concello de Portas unha solicitude de pleno extraordinario para que o alcalde dea explicacións por tardar 22 días en facer efectiva a paralización dunhas obras ilegais en zona de protección de Patrimonio.

O 14 de xullo pasado o BNG-Asembleas Abertas denunciou no concello que se estaban a realizar obras no entorno protexido da igrexa de Santa María de Portas sen licenza municipal nin a preceptiva autorización previa de Patrimonio. As obras consistían en importantes movementos de terra coa intención de construír un muro de cachotes ao pé da igrexa, do cemiterio e incluso preto dun pombal.

As obras continuaron impunemente ate polo menos o 5 de agosto coa total complicidade do goberno municipal que, mediante unha sorte de prórroga arbitraria, permitiu que a empresa seguise agrandando o dano causado.

O alcalde deberá explicar por que se tardaron 22 días en paralizar unhas obras ilegais que se ven perfectamente dende as oficinas municipais e a escasos metros da súa propia casa ou que nin sequera tomase medidas cautelares como esixían os técnicos municipais. 8 días para un informe da arquitecta municipal, 3 días para o informe do secretario, 4 días entre a sinatura da orde de paralización e a comunicación aos infractores e polo menos 7 días máis de traballos incumprindo a orde de paralización.

O voceiro do grupo municipal, Santiago Carballo, pediu explicacións no primeiro pleno posible, o celebrado o 1 de setembro, sen embargo, o alcalde negouse a responder remitíndonos a unha contestación por escrito que mes e medio despois seguimos agardando. O BNG-Asembleas Abertas non cesará ata que o alcalde dea explicacións convincentes por este trato de favor ou dimita.

BNG-Asembleas Abertas reclama respostas, repoñer a legalidade urbanística e que os feitos se poñan en coñecemento dos organismos competentes para dirimir as responsabilidades que puider dar lugar por esta desfeita en terreos protexidos. A igrexa de Santa María de Portas ten sufrido máis agresións nos últimos 25 anos que nos anteriores 8 séculos.


Solicitude de pleno extraordinario - Obras sen licenza na finca da Reitoral da igrexa de Portas


Hoxe rexistramos na casa do concello unha solicitude de pleno extraordinario para demandar as explicacións que o alcalde se nega a dar sobre as obras sen licenza que se están a realizar na finca da Reitoral da igrexa de Portas.
No pleno do 1 de setembro Víctor Estévez negouse a responder as nosas preguntas, remitíndonos a unha contestación por escrito, que mes e medio despois seguimos agardando.
Esta é a forma de entender a democracia do Partido Popular, tratos de favor aos amigos e negativa a responder á oposición. Insistiremos.