16 de set. de 2017

O BNG reclama a adhesión ao Plan Compost Revitaliza da Deputación

O contrato con URBASER para recollida e tratamento de cartón, envases lixeiros e voluminosos caducou en xuño de 2016
O contrato que o concello de Portas asinou en 2014 coa empresa URBASER S.A. para a recollida e tratamento de cartón, envases lixeiros e voluminosos caducou en xuño de 2016, xa despois dunha prórroga, sen que o concello fixese ningún tipo de xestión para renovalo ou sacar novamente o servizo a concurso.
Quince meses despois e ante a pasividade total do grupo de goberno, a empresa segue prestando o servizo pero en precario e de forma discrecional, de modo que a calidade do servizo é inaceptable. Os colectores amarelos non se recollen ata que están desbordados (cos conseguintes cheiros e mala imaxe) e algún empregado municipal dá o aviso á empresa, que tarda semanas, incluso meses, en pasar a recoller. Mentres, o material que os usuarios separaran na casa acaba nos colectores xenéricos verdes e incinerados en Sogama producindo un efecto desmotivador, maiores costes para o concello e un dano dificilmente reparable no futuro para o sistema de reciclaxe.
O BNG-Asembleas Abertas lembra que en Portas a recollida dos colectores xenéricos verdes (refugallos orgánicos e residuos que non poidan ser reciclados) realízaa directamente o concello con medios propios de forma moi precaria, enviando os residuos posteriormente a Sogama para o seu tratamento e incineración. Sen embargo, a taxa municipal “pola prestación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, tratamento e eliminación dos mesmos” é a máis alta dos concellos da comarca (86 euros anuais por vivenda).
O BNG-Asembleas Abertas considera necesario acometer á maior brevidade posible unha revisión en profundidade de todo o sistema de recollida e tratamento de residuos domésticos no concello de Portas, orientándoo á compostaxe e a unha reciclaxe real. O Plan Compost Revitaliza da Deputación é unha magnífica oportunidade para transformar o sistema municipal cara un modelo que promova hábitos de consumo sostitbles e responsables.
O BNG-Asembleas Abertas reclama do goberno municipal do Partido Popular que fuxa de posicionamentos ideolóxicos e partidistas e que Portas se adhira á maior brevidade posible ao Plan Compost Revitaliza da Deputación, programa mediante o cal pode recibir sen coste, entre outros, asesoramento técnico, accións formativas para a poboación e os compostadores individuais e comunitarios necesarios para a posta en marcha do novo sistema baseado na compostaxe.



Ningún comentario: