22 de set. de 2017

Pleno Extraordinario

O martes 26 de setembro de 2017 ás 20:45 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Proxecto de campo de fútbol de Romai - Subvencións para investimentos en equipamentos e dotacións singulares na mellora do reequilibrio territorial dos servizos. Concellos de menos de 20.000 habitantes.


18 de set. de 2017

Convocatoria extraordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno

O xoves 21 de setembro de 2017 ás 19:00 h. celebrarase unha reunión extraordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
  1. Informe ao proxecto de campo de fútbol de Romai - Subvencións para investimentos en equipamentos e dotación singulares na mellora do reequilibrio territorial dos servizos. Concellos de menos de 20.000 habitantes.

16 de set. de 2017

O BNG reclama a adhesión ao Plan Compost Revitaliza da Deputación

O contrato con URBASER para recollida e tratamento de cartón, envases lixeiros e voluminosos caducou en xuño de 2016
O contrato que o concello de Portas asinou en 2014 coa empresa URBASER S.A. para a recollida e tratamento de cartón, envases lixeiros e voluminosos caducou en xuño de 2016, xa despois dunha prórroga, sen que o concello fixese ningún tipo de xestión para renovalo ou sacar novamente o servizo a concurso.
Quince meses despois e ante a pasividade total do grupo de goberno, a empresa segue prestando o servizo pero en precario e de forma discrecional, de modo que a calidade do servizo é inaceptable. Os colectores amarelos non se recollen ata que están desbordados (cos conseguintes cheiros e mala imaxe) e algún empregado municipal dá o aviso á empresa, que tarda semanas, incluso meses, en pasar a recoller. Mentres, o material que os usuarios separaran na casa acaba nos colectores xenéricos verdes e incinerados en Sogama producindo un efecto desmotivador, maiores costes para o concello e un dano dificilmente reparable no futuro para o sistema de reciclaxe.
O BNG-Asembleas Abertas lembra que en Portas a recollida dos colectores xenéricos verdes (refugallos orgánicos e residuos que non poidan ser reciclados) realízaa directamente o concello con medios propios de forma moi precaria, enviando os residuos posteriormente a Sogama para o seu tratamento e incineración. Sen embargo, a taxa municipal “pola prestación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, tratamento e eliminación dos mesmos” é a máis alta dos concellos da comarca (86 euros anuais por vivenda).
O BNG-Asembleas Abertas considera necesario acometer á maior brevidade posible unha revisión en profundidade de todo o sistema de recollida e tratamento de residuos domésticos no concello de Portas, orientándoo á compostaxe e a unha reciclaxe real. O Plan Compost Revitaliza da Deputación é unha magnífica oportunidade para transformar o sistema municipal cara un modelo que promova hábitos de consumo sostitbles e responsables.
O BNG-Asembleas Abertas reclama do goberno municipal do Partido Popular que fuxa de posicionamentos ideolóxicos e partidistas e que Portas se adhira á maior brevidade posible ao Plan Compost Revitaliza da Deputación, programa mediante o cal pode recibir sen coste, entre outros, asesoramento técnico, accións formativas para a poboación e os compostadores individuais e comunitarios necesarios para a posta en marcha do novo sistema baseado na compostaxe.



Moción por unha recollida e tratamento de residuos sustentable co medio ambiente

Hoxe rexistramos no concello unha moción en demanda dunha revisión en profundidade de todo o sistema de recollida e tratamento de residuos domésticos no concello de Portas, orientándoo á reciclaxe e á compostaxe e solicitamos a adhesión do concello ao plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra.
A incompetencia do goberno municipal estanos levando á ruína. O contrato que o concello tiña coa empresa URBASER S.A. para o servizo de recollida e tratamento de cartón, envases lixeiros e voluminosos caducou o 9 de xuño de 2016, xa despois dunha prórroga. O goberno municipal do PP nunca se preocupou de que se cumprise o contrato e agora non se preocupa de renovalo ou de sacar o servizo novamente a concurso.
A continuación podedes ler a nosa moción e logo as "características do servizo" do contrato con URBASER que nunca se fixo cumprir (recollida de todos os colectores amarelos cada 15 días, limpeza dos colectores dúas veces ao ano, campaña informativa nos colexios, ...).




11 de set. de 2017

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O venres 15 de setembro ás 22:00 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai. Asuntos a tratar:

  • Liña de traballo.
  • PXOM.
  • Obras ilegais na Reitoral da igrexa de Portas.
  • Cortes traída de augas.
  • Asuntos varios.
Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.