29 de ago. de 2017

Pleno Extraordinario

O venres 1 de setembro de 2017 ás 20:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión ordinaria do 30/06/2017.
  2. Recurso de impugnación do grupo BNG-AA de Portas contra o acordo do pleno do concello de data 30/06/2017, sobre declaración de urxencia da inclusión na orde do día dun punto sobre a concentración parcelaria de Briallos.
  3. Ratificación da resolución da alcaldía referente aos programas integrados de emprego "Máis Emprego II".
  4. Ratificación da resolución da alcaldía referente ao proxecto de prevención de condutas adictivas no eido local 2017-2019.
  5. Festivos locais 2018.
  6. Nomeamento xuíz de paz titular e substituto.
  7. Moción presentada polo grupo municipal BNG-Asembleas Abertas pola biodiversidade fronte á eucaliptización.
  8. Moción presentada polo grupo municipal BNG-Asembleas Abertas en demanda da cobertura das baixas e vacacións do persoal sanitario do centro de saúde de Portas.
  9. Dación de conta dos decretos e resolucións da alcaldía.
  10. Informes da presidencia.
  11. Plan Concellos 2017 - Solicitudes e resolucións.
  12. Informe período medio de pago 2T - 2017.
  13. Rogos e preguntas.



23 de ago. de 2017

Convocatoria extraordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno

O venres 25 de agosto de 2017 ás 20:30 h. celebrarase unha reunión extraordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación acta da sesión extraordinaria do 21/03/2017.
  2. Informe ao recurso de impugnación do grupo BNG-AA de Portas contra o acordo do pleno do concello de data 30/06/2017, sobre declaración de urxencia da inclusión na orde do día dun punto sobre a concentración parcelaria de Briallos.
  3. Informe a ratificación da resolución da alcaldía referente aos programas integrados de emprego "Máis Emprego II".
  4. Informe a ratificación da resolución da alcaldía referente ao proxecto de prevención de condutas adictivas no eido local 2017-2019.
  5. Informe festivos locais 2018.
  6. Informe nomeamento xuíz de paz titular e substituto.
  7. Moción presentada polo grupo municipal BNG-Asembleas Abertas pola biodiversidade fronte á eucaliptización.
  8. Moción presentada polo grupo municipal BNG-Asembleas Abertas en demanda da cobertura das baixas e vacacións do persoal sanitario do centro de saúde de Portas.

16 de ago. de 2017

Ningún médico no centro de saúde de Portas o luns 14

O BNG-Asembleas Abertas presenta unha moción demandando a cobertura de baixas e vacacións do persoal sanitario
Dende hai semanas, o SERGAS non cubre as baixas por vacacións do persoal sanitario do centro de saúde de Portas, ata o extremo de que o pasado luns 14 de agosto, día laborable, o centro de saúde quedou totalmente ao “descuberto” sen ningún facultativo para atender os pacientes de todo o concello, que sobrepasa os 3000 habitantes.
Para suplir as baixas simultáneas por vacacións estivais dos dous médicos titulares, o SERGAS enviou un único médico substituto e ademais só a media xornada. O luns 14 de agosto nin sequera o médico substituto apareceu polo centro de saúde.
O BNG-Asembleas Abertas considera esta situación de todo inaceptable, e ante a pasividade absoluta do grupo de goberno, hoxe mesmo presentou unha moción no concello de Portas para esixir ao SERGAS a cobertura ao 100% das baixas e vacacións dos profesionais sanitarios do centro de saúde de Portas. Ademais solicítase enviar unha carta ao Conselleiro de Sanidade da Xunta, asinada por todos os membros da Corporación, coa demanda do cumprimento do punto anterior.

Moción en demanda da cobertura das baixas e vacacións do persoal sanitario do centro de saúde de Portas

Hoxe presentamos no rexistro do concello unha moción para demandar a cobertura do 100% das baixas e vacacións do persoal sanitario do centro de saúde de Portas.
O SERGAS non cubre as baixas e/ou vacacións do persoal sanitario do centro de saúde de Portas, ata o extremo de que o pasado luns 14 de agosto, día laborable, o centro de saúde quedou totalmente ao “descuberto” sen ningún médico para atender os pacientes de todo o concello, que lembremos ten máis de 3000 habitantes.
Para suplir as baixas por vacacións estivais dos dous médicos titulares, o SERGAS enviou un único médico substituto e só a media xornada, o cal é de todo inaceptable. Ademais o luns 14 o médico facultativo tampouco apareceu polo centro de saúde.

7 de ago. de 2017

Obras sen licenza na Reitoral da Igrexa de Portas

O Alcalde de Portas non adopta as medidas necesarias para facer cumprir a paralización das obras do contorno da igrexa de Portas e a promotora segue atentando contra o patrimonio público
O BNG denuncia ante o Concello de Portas a desfeita que se está a producir no entorno protexido da Igrexa de Santa María de Portas.
Dende hai semanas estanse a realizar movementos de terra e, en concreto, no terraplén que descende do muro perimetral que rodea a Igrexa parroquial, chegando xa esta a unha distancia inferior a 30 metros, cando a Igrexa ten unha protección patrimonial de 100 metros, a contar dende este valo.
Apesares do expediente incoado polo Concello a partir da denuncia do BNG, de forma telefónica, o día 14 de xullo, a empresa proseguiu co rebaixe do noiro de forma continuada achegándose  ao muro do adro do Cemiterio Parroquial, poñendo en grave perigo tanto á Igrexa como ao valo de Cemiterio –se non o puxeron xa--, incumprindo pois toda a Lei e normativa ao respecto.
O que aí se está a facer supón unha grande  agresión e un grave atentado ao patrimonio cultural de Portas, cuxa construción remóntase ao século XII, polo que se trata da máis importante construción que hoxe conserva esta parroquia, histórica pegada da Idade Media; a gran xoia arquitectónica que conservamos. Construción única e singular, polo que merece un especial coidado e protección por parte dos seus veciño e, sobre todo, por parte da administración pública.
O BNG entende que houbo deixamento por parte da alcaldía, xa que a pesares de que as obras ilegais se divisan perfectamente dende as oficinas municipais sen levantarse da mesa, non se adoptaron as medidas cautelares para impedir a vulneración da paralización das obras por parte dos promotores, ben con medidas coercitivas ou trasladando os feitos ao Ministerio Fiscal para a depuración das responsabilidades penais a que puidera dar lugar o incumprimento.
O BNG entende que a actitude do alcalde de deixar facer e mirar para outro lado, ben por desidia ou por conivencia, está a provocar unha situación que en dereito chámase “actos consumados de modo irreparable” o que pode supor que o alcalde teña incorrido nun delito de prevaricación.







4 de ago. de 2017

O concello de Portas non detén unhas obras ilegais con orde de paralización vixente

Obras sen licenza a escasos metros da igrexa de Santa María de Portas
No entorno protexido da igrexa de Santa María de Portas estanse a realizar obras sen licenza municipal nin autorización de Patrimonio.Os terreos nos que se están a realizar as obras pertencen á Igrexa, que os ten alugados para unha plantación de viñedo.
Como se pode observar nas fotografías, as obras distan menos de 30 metros de elementos patrimoniais como a igrexa, o cemiterio ou un pombal. As obras están consistindo en movementos de terra e creación de grandes muros de cachotes sen respectar nin distancias nin tipoloxías tradicionais de cantería.
Ante as denuncias veciñais, a arquitecta municipal constatou que as obras non tiñan licenza municipal polo que procedeu a redactar un informe, que deu lugar a unha orde de paralización de obras por parte da Alcaldía.
A pesares da orde de paralización, as obras continúan impunemente dende hai dúas semanas. O alcalde non está a tomar as medidas ao seu alcance para facer cumprir a súa propia orde de paralización de obras.
BNG-Asembleas Abertas reclama o cumprimento da lei e que o alcalde faga cumprir a orde de paralización de obras que el mesmo asinou. O patrimonio é de todos e todas e debemos facer todos os esforzos necesarios por conservalo.