20/05/2017

BNG-Asembleas Abertas reclama a asunción de responsabilidades polas condenas xudiciais derivadas da desprotección a unha traballadora municipal

O luns ás 19:30 h. celébrase un pleno monográfico
Este luns, 22 de maio, ás 19:30 h. celebrarase un pleno extraordinario solicitado polo BNG-Asembleas Abertas para tratar de forma monográfica a situación creada polas sucesivas condenas xudiciais contra o concello de Portas como consecuencia da desprotección con “pleno coñecemento” dunha traballadora municipal que finalmente sufriu unha brutal agresión.
O grupo do BNG-Asembleas Abertas reclamará a Roberto Vázquez a asunción das responsabilidades que a día de hoxe segue negando e esixirá do alcalde transparencia, información e que deixe de defender ao seu socio de goberno.
O BNG-Asembleas Abertas solicitará que o concello inicie accións legais para reclamar responsabilidades patrimoniais ao exalcalde Roberto Vázquez, responsable directo da “inactividade ou pasividade” do concello que desembocou na agresión á traballadora municipal. O BNG-Asembleas Abertas non é partidario de xudicializar a vida política municipal, sen embargo, a incapacidade do goberno do PP de buscar solucións e a excepcionalidade da situación que está a poñer ao concello ao borde do colapso económico esixe adoptar medidas extraordinarias.

Ningún comentario: