21/03/2017

Pleno Extraordinario

O venres 24 de marzo de 2017 ás 19:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente de solicitude á Deputación Provincial de Pontevedra con cargo ao Plan Concellos 2017 - Obra "Depuradora de leito bacteriano no lugar da Estación".
  2. Mocións:
    1. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas para aprobación dun plan de mantemento periódico dos parques infantís municipais, así como o seu arranxo urxente.


16/03/2017

Convocatoria extraordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno

O martes 21 de marzo de 2017 ás 20:30 h. celebrarase unha reunión extraordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente de solicitude á Deputación Provincial de Pontevedra con cargo ao Plan Concellos 2017 - Obra "Depuradora de leito bacteriano no lugar de Estación".
  2. Mocións:
    1. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas para aprobación dun plan de mantemento periódico dos parques infantís municipais, así como o seu arranxo urxente.


07/03/2017

PP e VUP consensúan PXOM e orzamentos a tres semanas do seu congreso local

Víctor Estévez oculta o pago de 184.000 € por unha neglixencia de Roberto Vázquez que non asume responsabilidades

O pasado venres 3 de marzo celebrouse un pleno extraordinario no concello de Portas no que se aprobaron os orzamentos de 2017 co voto en contra do BNG-Asembleas Abertas (3) e o voto favorable de PP (4) e VUP (4). Os orzamentos foron consensuados entre PP e VUP, partido do que fora alcalde popular durante 23 anos, e sen embargo, o grupo de goberno non mantivo ningún tipo de contacto co BNG-AA.

Este acordo entre PP e VUP que se leva forxando dende hai meses non se limita só ao orzamento deste ano, senón que inclúe tamén o PXOM. A cambio do apoio de VUP aos orzamentos, o Partido Popular comprometeuse a 1º aprobar o PXOM sen modificar unha coma do documento que Roberto Vázquez deixara redactado e que tanta contestación social concitara, e 2º a ocultar debaixo das alfombras as numerosas irregularidades detectadas da anterior etapa.

O orzamento aprobado contempla un primeiro pago de 184.000 euros para facer fronte a unha sentenza de abril de 2016 pola cal o concello foi condenado por desprotexer á asistenta social que finalmente fora brutalmente agredida en 2012. A desprotección da empregada municipal foi consecuencia da inacción consciente do ex-alcalde Roberto Vázquez, que sen embargo non asume ningún tipo de responsabilidade, e cuxas consecuencias trata agora de ocultar o seu sucesor, Víctor Estévez.

BNG-Asembleas Abertas cualifica este orzamento de antisocial, aprobado sen participación veciñal, mantén unhas taxas desmesuradas a pesares das promesas de rebaixa e sen embargo non atende ningunha das necesidades máis urxentes da cidadanía. Mentres se incrementan as partidas de dietas (+4.500€), atencións protocolarias (+4.000€), subvencións nominativas ou festas, prevese aumentar o endebedamento coa subscrición dun novo préstamo bancario por valor de 80.000 euros aos que hai que engadir os 55.000 euros xa destinados do Plan Concellos ao pago de débeda e gasto corrente.



BNG-Asembleas Abertas denuncia a viraxe radical do Partido Popular pactando con aquelo que dicían deostar apenas hai un ano para buscar a reunificación do partido a tres semanas do seu congreso local, aínda que supoña o incumprimento absoluto dos seus compromisos electorais como é o caso de consensuar o Plan Xeral de Urbanismo.



02/03/2017

Moción para aprobación dun plan de mantemento periódico dos parques infantís municipais, así como o seu arranxo urxente

Denuncia do BNG-Asembleas Abertas do estado deplorable dos parques infantís de Portas
O BNG-Asembleas Abertas denuncia o estado deplorable no que se atopan todos os parques infantís municipais das catro parroquias, tal como se pode observar nas fotografías. 
Por elo, imos presentar mañá no concello unha moción para reclamar a reparación urxente dos parques infantís municipais e a aprobación á maior brevidade posible dun plan de mantemento dos mesmos.
Dende a súa construción non se ten feito ningún tipo de mantemento, demostrando a desidia e a deixadez dun goberno máis preocupado polos actos de autoexaltación que de coidar o pouco que temos. Nin se manteñen, nin se reparan, nin se substitúen os elementos rotos ou danados. A situación é tan alarmante que se dan situacións de extrema perigosidade para os usuarios, sendo habituais as táboas rotas ou desaparecidas que deixan á vista cravos e parafusos xunto a balados podres e oxidados.













Azucreira - Parafusos oxidados no lugar onde os nenos e nenas deberían sentarse!
San Xoán - Máis parafusos oxidados
Porta de Conde - Balado podre

Rapeira - Táboas rotas, pedras e madeira podre

Rapeira - Máis parafusos oxidados no sitio que debería haber un minirocódromo

Souto - Tobogán coa madeira podre e a punto de cair

Fontenla - Lixo, óxido, xogos rotos, maleza, madeira podre...

Cachal - As silveiras invaden o parque

Cachal - Clavos oxidados ao descuberto no balado roto