27 de dec. de 2017

Novo Boletín Informativo - Decembro 2017

O BNG-Asembleas Abertas edita un novo boletín informativo (Nº 18 # Decembro de 2017), que comezará a repartirse polas casas de Portas nos próximos días.
O goberno de Víctor Estévez é un fraude
O goberno do Partido Popular é incapaz de cumprir nin a primeira das súas promesas electorais: nin transparencia, nin participación veciñal, nin rexeneración democrática, nin consenso para aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal. 
Non foi a seca, foi a incapacidade do PP
Os cortes nas traídas municipais débense á incompetencia do PP
PXOM: a historia dunha estafa
Prometeron consensuar o PXOM pera van aprobar o documento de Roberto Vázquez sen cambiar unha coma e sen unha soa reunión cos veciños
Recortes no centro de saúde de Portas
Nove meses sen un dos médicos titulares. O Sergas non cubre as baixas e as vacacións do persoal do centro médico e o goberno municipal non fai nada.
Obras ilegais na finca da reitoral de Portas
O alcalde sabendo que as obras eran ilegais, retrasou intencionadamente a paralización das obras nada menos que 22 días. O que está detrás das obras é José Antonio Landín Eirín, exalcade de Barro e mentor político de Víctor Estévez.
Privatización do servizo de axuda no fogar
Víctor Estévez e o seu equipo traballarán aínda menos, a cambio, os veciños e veciñas de Portas pagaremos máis por un peor servizo.






19 de dec. de 2017

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O venres 22 de decembro ás 21:30 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai. Asuntos a tratar:

  • Novo boletín informativo.
  • Liña de traballo.
  • Asuntos varios.
Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

29 de nov. de 2017

Moción en defensa dos Cruceiros do Casal e Outeiriño

Hoxe presentamos no rexistro do concello esta moción:






9 de nov. de 2017

Pleno Extraordinario

O venres 24 de novembro de 2017 ás 19:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello solicitado polo noso grupo municipal coa seguinte orde do día:

  1. Plan Xeral de Ordenación Municipal.



6 de nov. de 2017

Solicitude de pleno extraordinario - Plan Xeral de Ordenación Municipal

Hoxe rexistramos na casa do concello unha solicitude de pleno extraordinario para tratar de forma monográfica sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM):

  1. Manter unha reunión informativa entre o Pleno municipal e o equipo redactor para que este explique os cambios introducidos no PXOM con posterioridade á aprobación inicial.
  2. Iniciar un proceso de exposición pública do PXOM para divulgar entre a veciñanza a situación actual e o estado de tramitación do PXOM.
  3. Abrir un debate sobre as necesidades e obxectivos a satisfacer polo PXOM, con reunións veciñais e reunións sectoriais coas distintas organizacións e asociacións do concello, con apoio de técnicos independentes.
  4. Abrir un novo trámite de información pública do PXOM con anterioridade á aprobación provisional.
Por que o PP se presentou ás eleccións municipais tendo como eixo vertebrador do seu discurso consensuar o PXOM, e dous anos e medio despois pretenden aprobar o PXOM que lles deixou Roberto Vázquez sen cambiar unha coma, mentindo e negando calquera información aos veciños e veciñas de Portas?




31 de out. de 2017

Nota de prensa - O administrador único da empresa responsable das obras sen licenza xunto á igrexa de Portas é José Antonio Landín Eirín, exalcalde de Barro

Víctor Estévez, que foi candidato do PP á alcaldía de Portas por mediación de Landín, négase a dar explicacións

O venres pasado, 27 de outubro, celebrouse na casa do concello de Portas un pleno extraordinario solicitado polo BNG-Asembleas Abertas para tratar de forma monográfica as obras sen licenza municipal nin a preceptiva autorización previa de Patrimonio na finca da reitoral da igrexa de Portas. O alcalde, Víctor Estévez, negouse a responder as preguntas do BNG-AA e rexeitou dar explicacións por tardar máis de 22 días en paralizar unhas obras ilegais no entorno protexido da igrexa románica de Santa María de Portas do século XII.

Por que non se fixo nada contra unhas obras tan visibles ata a denuncia do BNG-AA? Por que a arquitecta municipal tardou 5 días en facer a visita de comprobación dende a denuncia a pesares de que as obras se ven dende as oficinas municipais? Por que se deixaron pasar 4 días, de luns a venres, dende que o alcalde asinou a orde de paralización de obras ata que se lle comunica á empresa? Por que non se tomaron medidas cautelares como impoñía o informe da arquitecta municipal? Por que non se comunicou a orde de paralización ao rexistro da propiedade como esixía o informe da Secretaría? Por que non se lle comunicou a situación a Patrimonio como impón a lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia? Por que a empresa incumpre deliberadamente a orde de paralización durante máis de 7 días e non ten consecuencias? Por que o alcalde non pon en coñecemento da fiscalía o incumprimento da orde de paralización de obras como suxire o informe da arquitecta municipal? Por que o concello cualifica as obras de “reforma de muro de contención” cando non consta solicitude de licenza por escrito e polo tanto non debería saber o que se pretende construír? Por que o alcalde cualifica as obras de “reforma” cando o que se pretende facer é un muro completamente novo e distante moitos metros do preexistente muro de cachotes?

As obras estanse realizando nunha propiedade do Arcebispado de Santiago que ten alugados os terreos para crear unha plantación de viñedo á empresa “Explotación Ría de Barosa S.L.”. O administrador único de dita empresa dende que se constituíu o 26 de febreiro de 2007 e ata o 10 de outubro de 2017 foi José Antonio Landín Eirín, exalcalde do concello veciño de Barro durante case tres décadas (fonte: Infoempresa.com). Casualmente Landín cesou como administrador único da empresa ao día seguinte de rexistrar o BNG-Asembleas Abertas a solicitude de pleno extraordinario, cese que foi publicado no boletín oficial do rexistro mercantil de 19 de outubro de 2017 (Borme Pontevedra 19-10-2017).

José Antonio Landín, veciño de Briallos, parroquia natal de Estévez, presume de ser o responsable de influír neste para que encabezase a lista do Partido Popular en Portas nas eleccións municipais de 2015.

Atopámonos ante un novo episodio de trato de favor do Partido Popular a un compañeiro de partido.

O BNG-Asembleas Abertas esixe a dimisión de Víctor Estévez polo trato de favor cara o seu mentor político José Antonio Landín, a reposición da legalidade urbanística e que os feitos se poñan en coñecemento dos organismos competentes para dirimir as responsabilidades que puider dar lugar por esta desfeita en terreos protexidos.


26 de out. de 2017

O alcalde de Portas convoca dous plenos con 15 minutos de diferenza

O PP nega os dereitos democráticos da oposición

Para mañá venres 27 de outubro están convocados dous plenos da corporación municipal de Portas cunha diferenza de 15 minutos entre eles. O primeiro ás 19:15 h. é extraordinario solicitado polo BNG-Asembleas Abertas para demandar explicacións polas obras ilegais realizadas na contorna da igrexa de Santa María de Portas, e o segundo ás 19:30 h. é ordinario e completamente baleiro de contido.

O alcalde négase a dar explicacións por tardar 22 días en paralizar unhas obras sen licenza nun entorno protexido e pretende liquidar en 15 minutos o pleno extraordinario onde esixiremos explicacións convincentes ou a súa dimisión. O BNG-AA pregúntase que trata de ocultar o alcalde dilatando a paralización dunhas obras manifestamente ilegais e sobre as cales nin tan sequera adoptou medidas cautelares como esixían os técnicos municipais?

En canto ao pleno ordinario o Partido Popular continúa coa súa estratexia planificada dende inicio de lexislatura de negar todo dereito político ao noso grupo municipal. O talante sectario e antidemocrático do goberno municipal tradúcese no incumprimento sistemático dos acordos plenarios, non convocando a “comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno”, negándose a responder calquera pregunta plenaria da oposición, excluíndo da orde do día dos plenos as mocións da oposición presentadas en tempo e forma e reducindo á mínima expresión os plenos ordinarios ata o punto de que os únicos puntos sometidos a votación son a aprobación de actas de sesións anteriores. O debate é unha utopía e calquera indicio de transparencia unha quimera, ata o punto de que incluso o alcalde decidiu prescindir dun punto tan inocente como “informes da presidencia”.


24 de out. de 2017

Pleno Ordinario

O venres 27 de outubro de 2017 ás 19:30 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 01/09/2017.
  2. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 26/09/2017.
  3. Dación de conta dos decretos e resolucións da alcaldía.
  4. Informe período medio de pago 3T - 2017.
  5. Rogos e preguntas.
Roberto Vázquez e Mercedes Calvo parecían insuperables pero nunca se pode ser tan optimista, xa sabemos que hai quen os adianta.
Convocan dous plenos, un extraordinario para tratar as obras ilegais na finca da reitoral de Portas e outro ordinario, cunha diferenza entre eles de só 15 minutos (queren liquidalos pola vía rápida), non convocan previamente ao pleno ordinario a comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno como é obrigatorio por acordo plenario e parar rizar o rizo non inclúen as mocións do noso grupo presentadas en tempo e forma.
Este é o modo de entender a democracia do Partido Popular: asoballar ao oponente político polo simple feito de non pensar igual que eles.

22 de out. de 2017

16 de out. de 2017

Pleno Extraordinario

O venres 27 de outubro de 2017 ás 19:15 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello solicitado polo noso grupo municipal coa seguinte orde do día:
  1. Obras sen licenza na finca da reitoral da igrexa de Portas.

9 de out. de 2017

Nota de prensa - 22 días para paralizar unhas obras ilegais xunto á igrexa de Portas

O alcalde terá que dar explicacións nun pleno extraordinario

O BNG-Asembleas Abertas ven de presentar no rexistro do concello de Portas unha solicitude de pleno extraordinario para que o alcalde dea explicacións por tardar 22 días en facer efectiva a paralización dunhas obras ilegais en zona de protección de Patrimonio.

O 14 de xullo pasado o BNG-Asembleas Abertas denunciou no concello que se estaban a realizar obras no entorno protexido da igrexa de Santa María de Portas sen licenza municipal nin a preceptiva autorización previa de Patrimonio. As obras consistían en importantes movementos de terra coa intención de construír un muro de cachotes ao pé da igrexa, do cemiterio e incluso preto dun pombal.

As obras continuaron impunemente ate polo menos o 5 de agosto coa total complicidade do goberno municipal que, mediante unha sorte de prórroga arbitraria, permitiu que a empresa seguise agrandando o dano causado.

O alcalde deberá explicar por que se tardaron 22 días en paralizar unhas obras ilegais que se ven perfectamente dende as oficinas municipais e a escasos metros da súa propia casa ou que nin sequera tomase medidas cautelares como esixían os técnicos municipais. 8 días para un informe da arquitecta municipal, 3 días para o informe do secretario, 4 días entre a sinatura da orde de paralización e a comunicación aos infractores e polo menos 7 días máis de traballos incumprindo a orde de paralización.

O voceiro do grupo municipal, Santiago Carballo, pediu explicacións no primeiro pleno posible, o celebrado o 1 de setembro, sen embargo, o alcalde negouse a responder remitíndonos a unha contestación por escrito que mes e medio despois seguimos agardando. O BNG-Asembleas Abertas non cesará ata que o alcalde dea explicacións convincentes por este trato de favor ou dimita.

BNG-Asembleas Abertas reclama respostas, repoñer a legalidade urbanística e que os feitos se poñan en coñecemento dos organismos competentes para dirimir as responsabilidades que puider dar lugar por esta desfeita en terreos protexidos. A igrexa de Santa María de Portas ten sufrido máis agresións nos últimos 25 anos que nos anteriores 8 séculos.


Solicitude de pleno extraordinario - Obras sen licenza na finca da Reitoral da igrexa de Portas


Hoxe rexistramos na casa do concello unha solicitude de pleno extraordinario para demandar as explicacións que o alcalde se nega a dar sobre as obras sen licenza que se están a realizar na finca da Reitoral da igrexa de Portas.
No pleno do 1 de setembro Víctor Estévez negouse a responder as nosas preguntas, remitíndonos a unha contestación por escrito, que mes e medio despois seguimos agardando.
Esta é a forma de entender a democracia do Partido Popular, tratos de favor aos amigos e negativa a responder á oposición. Insistiremos.







22 de set. de 2017

Pleno Extraordinario

O martes 26 de setembro de 2017 ás 20:45 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Proxecto de campo de fútbol de Romai - Subvencións para investimentos en equipamentos e dotacións singulares na mellora do reequilibrio territorial dos servizos. Concellos de menos de 20.000 habitantes.


18 de set. de 2017

Convocatoria extraordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno

O xoves 21 de setembro de 2017 ás 19:00 h. celebrarase unha reunión extraordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
  1. Informe ao proxecto de campo de fútbol de Romai - Subvencións para investimentos en equipamentos e dotación singulares na mellora do reequilibrio territorial dos servizos. Concellos de menos de 20.000 habitantes.

16 de set. de 2017

O BNG reclama a adhesión ao Plan Compost Revitaliza da Deputación

O contrato con URBASER para recollida e tratamento de cartón, envases lixeiros e voluminosos caducou en xuño de 2016
O contrato que o concello de Portas asinou en 2014 coa empresa URBASER S.A. para a recollida e tratamento de cartón, envases lixeiros e voluminosos caducou en xuño de 2016, xa despois dunha prórroga, sen que o concello fixese ningún tipo de xestión para renovalo ou sacar novamente o servizo a concurso.
Quince meses despois e ante a pasividade total do grupo de goberno, a empresa segue prestando o servizo pero en precario e de forma discrecional, de modo que a calidade do servizo é inaceptable. Os colectores amarelos non se recollen ata que están desbordados (cos conseguintes cheiros e mala imaxe) e algún empregado municipal dá o aviso á empresa, que tarda semanas, incluso meses, en pasar a recoller. Mentres, o material que os usuarios separaran na casa acaba nos colectores xenéricos verdes e incinerados en Sogama producindo un efecto desmotivador, maiores costes para o concello e un dano dificilmente reparable no futuro para o sistema de reciclaxe.
O BNG-Asembleas Abertas lembra que en Portas a recollida dos colectores xenéricos verdes (refugallos orgánicos e residuos que non poidan ser reciclados) realízaa directamente o concello con medios propios de forma moi precaria, enviando os residuos posteriormente a Sogama para o seu tratamento e incineración. Sen embargo, a taxa municipal “pola prestación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, tratamento e eliminación dos mesmos” é a máis alta dos concellos da comarca (86 euros anuais por vivenda).
O BNG-Asembleas Abertas considera necesario acometer á maior brevidade posible unha revisión en profundidade de todo o sistema de recollida e tratamento de residuos domésticos no concello de Portas, orientándoo á compostaxe e a unha reciclaxe real. O Plan Compost Revitaliza da Deputación é unha magnífica oportunidade para transformar o sistema municipal cara un modelo que promova hábitos de consumo sostitbles e responsables.
O BNG-Asembleas Abertas reclama do goberno municipal do Partido Popular que fuxa de posicionamentos ideolóxicos e partidistas e que Portas se adhira á maior brevidade posible ao Plan Compost Revitaliza da Deputación, programa mediante o cal pode recibir sen coste, entre outros, asesoramento técnico, accións formativas para a poboación e os compostadores individuais e comunitarios necesarios para a posta en marcha do novo sistema baseado na compostaxe.



Moción por unha recollida e tratamento de residuos sustentable co medio ambiente

Hoxe rexistramos no concello unha moción en demanda dunha revisión en profundidade de todo o sistema de recollida e tratamento de residuos domésticos no concello de Portas, orientándoo á reciclaxe e á compostaxe e solicitamos a adhesión do concello ao plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra.
A incompetencia do goberno municipal estanos levando á ruína. O contrato que o concello tiña coa empresa URBASER S.A. para o servizo de recollida e tratamento de cartón, envases lixeiros e voluminosos caducou o 9 de xuño de 2016, xa despois dunha prórroga. O goberno municipal do PP nunca se preocupou de que se cumprise o contrato e agora non se preocupa de renovalo ou de sacar o servizo novamente a concurso.
A continuación podedes ler a nosa moción e logo as "características do servizo" do contrato con URBASER que nunca se fixo cumprir (recollida de todos os colectores amarelos cada 15 días, limpeza dos colectores dúas veces ao ano, campaña informativa nos colexios, ...).




11 de set. de 2017

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O venres 15 de setembro ás 22:00 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai. Asuntos a tratar:

  • Liña de traballo.
  • PXOM.
  • Obras ilegais na Reitoral da igrexa de Portas.
  • Cortes traída de augas.
  • Asuntos varios.
Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

29 de ago. de 2017

Pleno Extraordinario

O venres 1 de setembro de 2017 ás 20:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión ordinaria do 30/06/2017.
  2. Recurso de impugnación do grupo BNG-AA de Portas contra o acordo do pleno do concello de data 30/06/2017, sobre declaración de urxencia da inclusión na orde do día dun punto sobre a concentración parcelaria de Briallos.
  3. Ratificación da resolución da alcaldía referente aos programas integrados de emprego "Máis Emprego II".
  4. Ratificación da resolución da alcaldía referente ao proxecto de prevención de condutas adictivas no eido local 2017-2019.
  5. Festivos locais 2018.
  6. Nomeamento xuíz de paz titular e substituto.
  7. Moción presentada polo grupo municipal BNG-Asembleas Abertas pola biodiversidade fronte á eucaliptización.
  8. Moción presentada polo grupo municipal BNG-Asembleas Abertas en demanda da cobertura das baixas e vacacións do persoal sanitario do centro de saúde de Portas.
  9. Dación de conta dos decretos e resolucións da alcaldía.
  10. Informes da presidencia.
  11. Plan Concellos 2017 - Solicitudes e resolucións.
  12. Informe período medio de pago 2T - 2017.
  13. Rogos e preguntas.



23 de ago. de 2017

Convocatoria extraordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno

O venres 25 de agosto de 2017 ás 20:30 h. celebrarase unha reunión extraordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación acta da sesión extraordinaria do 21/03/2017.
  2. Informe ao recurso de impugnación do grupo BNG-AA de Portas contra o acordo do pleno do concello de data 30/06/2017, sobre declaración de urxencia da inclusión na orde do día dun punto sobre a concentración parcelaria de Briallos.
  3. Informe a ratificación da resolución da alcaldía referente aos programas integrados de emprego "Máis Emprego II".
  4. Informe a ratificación da resolución da alcaldía referente ao proxecto de prevención de condutas adictivas no eido local 2017-2019.
  5. Informe festivos locais 2018.
  6. Informe nomeamento xuíz de paz titular e substituto.
  7. Moción presentada polo grupo municipal BNG-Asembleas Abertas pola biodiversidade fronte á eucaliptización.
  8. Moción presentada polo grupo municipal BNG-Asembleas Abertas en demanda da cobertura das baixas e vacacións do persoal sanitario do centro de saúde de Portas.

16 de ago. de 2017

Ningún médico no centro de saúde de Portas o luns 14

O BNG-Asembleas Abertas presenta unha moción demandando a cobertura de baixas e vacacións do persoal sanitario
Dende hai semanas, o SERGAS non cubre as baixas por vacacións do persoal sanitario do centro de saúde de Portas, ata o extremo de que o pasado luns 14 de agosto, día laborable, o centro de saúde quedou totalmente ao “descuberto” sen ningún facultativo para atender os pacientes de todo o concello, que sobrepasa os 3000 habitantes.
Para suplir as baixas simultáneas por vacacións estivais dos dous médicos titulares, o SERGAS enviou un único médico substituto e ademais só a media xornada. O luns 14 de agosto nin sequera o médico substituto apareceu polo centro de saúde.
O BNG-Asembleas Abertas considera esta situación de todo inaceptable, e ante a pasividade absoluta do grupo de goberno, hoxe mesmo presentou unha moción no concello de Portas para esixir ao SERGAS a cobertura ao 100% das baixas e vacacións dos profesionais sanitarios do centro de saúde de Portas. Ademais solicítase enviar unha carta ao Conselleiro de Sanidade da Xunta, asinada por todos os membros da Corporación, coa demanda do cumprimento do punto anterior.

Moción en demanda da cobertura das baixas e vacacións do persoal sanitario do centro de saúde de Portas

Hoxe presentamos no rexistro do concello unha moción para demandar a cobertura do 100% das baixas e vacacións do persoal sanitario do centro de saúde de Portas.
O SERGAS non cubre as baixas e/ou vacacións do persoal sanitario do centro de saúde de Portas, ata o extremo de que o pasado luns 14 de agosto, día laborable, o centro de saúde quedou totalmente ao “descuberto” sen ningún médico para atender os pacientes de todo o concello, que lembremos ten máis de 3000 habitantes.
Para suplir as baixas por vacacións estivais dos dous médicos titulares, o SERGAS enviou un único médico substituto e só a media xornada, o cal é de todo inaceptable. Ademais o luns 14 o médico facultativo tampouco apareceu polo centro de saúde.

7 de ago. de 2017

Obras sen licenza na Reitoral da Igrexa de Portas

O Alcalde de Portas non adopta as medidas necesarias para facer cumprir a paralización das obras do contorno da igrexa de Portas e a promotora segue atentando contra o patrimonio público
O BNG denuncia ante o Concello de Portas a desfeita que se está a producir no entorno protexido da Igrexa de Santa María de Portas.
Dende hai semanas estanse a realizar movementos de terra e, en concreto, no terraplén que descende do muro perimetral que rodea a Igrexa parroquial, chegando xa esta a unha distancia inferior a 30 metros, cando a Igrexa ten unha protección patrimonial de 100 metros, a contar dende este valo.
Apesares do expediente incoado polo Concello a partir da denuncia do BNG, de forma telefónica, o día 14 de xullo, a empresa proseguiu co rebaixe do noiro de forma continuada achegándose  ao muro do adro do Cemiterio Parroquial, poñendo en grave perigo tanto á Igrexa como ao valo de Cemiterio –se non o puxeron xa--, incumprindo pois toda a Lei e normativa ao respecto.
O que aí se está a facer supón unha grande  agresión e un grave atentado ao patrimonio cultural de Portas, cuxa construción remóntase ao século XII, polo que se trata da máis importante construción que hoxe conserva esta parroquia, histórica pegada da Idade Media; a gran xoia arquitectónica que conservamos. Construción única e singular, polo que merece un especial coidado e protección por parte dos seus veciño e, sobre todo, por parte da administración pública.
O BNG entende que houbo deixamento por parte da alcaldía, xa que a pesares de que as obras ilegais se divisan perfectamente dende as oficinas municipais sen levantarse da mesa, non se adoptaron as medidas cautelares para impedir a vulneración da paralización das obras por parte dos promotores, ben con medidas coercitivas ou trasladando os feitos ao Ministerio Fiscal para a depuración das responsabilidades penais a que puidera dar lugar o incumprimento.
O BNG entende que a actitude do alcalde de deixar facer e mirar para outro lado, ben por desidia ou por conivencia, está a provocar unha situación que en dereito chámase “actos consumados de modo irreparable” o que pode supor que o alcalde teña incorrido nun delito de prevaricación.