29 de nov. de 2016

O concello de Portas adxudica "sen publicidade" un contrato de 35.605,90€ á empresa do secretario de organización do PP de Portas

AUSENCIA DE TRANSPARENCIA E TRATO DE FAVOR A DIRIXENTES DO PARTIDO POPULAR DE PORTAS

O goberno municipal do Partido Popular adxudicou mediante procedemento negociado sen publicidade un contrato de subministro de maquinaria por valor de 35.605,60 € a Rafael Seijo Rodríguez (Seymos Maquinaria Agrícola S.L.), secretario de organización do Partido Popular de Portas e candidato en sétima posición nas últimas eleccións municipais.

Ademais deste contrato, no que vai de lexislatura Seymos Maquinaria Agrícola S.L. facturoulle ao concello de Portas máis de 15.000 euros en decenas de pequenas facturas.

Antes de iniciarse o procedemento negociado para a adxudicación do contrato de 35.600 euros o BNG-Asembleas Abertas solicitou en Pleno (xuño de 2016) que o método de adxudicación fose aberto, ou no seu defecto que fose negociado con publicidade, de modo que calquera empresa puidese presentar oferta libremente. O PP negouse.


As características técnicas esixidas para a maquinaria a subministrar, detalladas no prego de prescricións técnicas, coinciden con extrema puntualidade coas características técnicas de máquinas específicas do catálogo dunha marca concreta.

O goberno municipal invitou a catro empresas a presentar ofertas, coa coincidencia de que as catro son distribuidoras oficiais da marca Husqvarna. Tres das catro empresas convidadas presentaron oferta e todas as máquinas dos tres orzamentos son idénticas: 3 desbrozadoras Husqvarna 545RX, soprador Husqvarna 570BTS, hidrolimpadora Benza 200/15 4R, motoserra Husqvarna 550XP, motoserra Husqvarna T540XP, desbrozadora para tractor Becchio & Mandrile BR180 con cardan, corredeira e acoplamento, rider Husqvarna P524 máis desbrozadora de impacto e cepillo rotativo, e cortacéspede Husqvarna LB 553S.

A apertura dos sobres coas ofertas recibidas non foi anunciada e realizouse sen público presente. Á apertura das ofertas nin se convidou ás empresas nin a membros da oposición.

Se non hai nada que ocultar, por que esta falta intencionada de transparencia?

BNG-Asembleas Abertas non lle nega o dereito a Seymos ou a calquera outra empresa a ofrecer os seus servizos e recibir contratos por parte do concello de Portas, pero si esiximos transparencia, publicidade e igualdade de oportunidades para todos.

BNG-Asembleas Abertas demanda que todas as adxudicacións de obras, servizos ou subministracións de certa entidade se realicen mediante procedementos abertos, transparentes e de libre concorrencia que ademais de fomentar a competencia e resultar máis vantaxosos economicamente para o concello, evitan as actuacións caciquís.