30 de set. de 2016

Sen Pleno ordinario en Portas dende hai tres meses

VÍCTOR ESTÉVEZ INCUMPRE A LEI E DOUS ACORDOS PLENARIOS

O grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas denuncia que o alcalde de Portas, Víctor Estévez, máis ocupado de organizar festas e campañas electorais que de dar explicacións da súa xestión municipal, leva máis de tres meses sen convocar sesións ordinarias nin do Pleno municipal nin da Comisión Informativa incumprindo a lei de bases de réxime local (artigo 4.2.a) e dous acordos plenarios, e impedindo que a oposición fiscalice a súa acción de goberno.
Por imposición do PP, en Portas non se constituíu Xunta de Goberno e todas as competencias están concentradas na persoa do alcalde, que goberna a golpe de decreto (máis de 80 no que vai de ano). Esta concentración de poder, exercido por decreto, sen someter ningunha decisión ao Pleno e a negativa a informar á oposición impoñen un sistema máis propio de réximes absolutistas que dun concello democrático.
Tería que terse celebrado un pleno ordinario o pasado 26 de agosto ás 20:30 h en aplicación do acordo plenario de 10 de xullo de 2015 no que se establecía a periodicidade dos plenos, e igualmente tería que terse reunido a Comisión Informativa de asuntos a tratar polo pleno o 19 de agosto aplicando o acordo plenario unánime de 26 de febreiro de 2016, sen embargo, estas reunións nin se convocaron nin se dou ningún tipo de explicación por non facelo.
O BNG-Asembleas Abertas esixe a convocatoria inmediata dunha sesión ordinaria do Pleno municipal para que o grupo de goberno dea conta da súa xestión, informe aos veciños e veciñas e as mocións da oposición poidan ser tratadas.