7 de xul. de 2016

Valoración do Pleno Extraordinario de 7 de xullo de 2016 - Orzamento Municipal 2016


  • O grupo de goberno aprobou os Orzamentos de 2016 con 8 votos a favor (4 PP + 4 VUP) e 1 en contra (BNG-Asembleas Abertas). PP e VUP xa non ocultan a súa afinidade total.
  • Dous concelleiros do grupo BNG-AA non puideron asistir por motivos laborais. Un pleno en xoves 7 de xullo ás 12:00 h. non é un horario aceptable para quizais o pleno máis importante do ano. O grupo de goberno incumpre unha vez máis o seu programa electoral poñendo un pleno a un horario incompatible coa participación veciñal e sen publicidade.
  • Breve cronoloxía:
    • 30 de decembro de 2015: BNG-AA e PP mantemos unha reunión por solicitude do PP para negociar os orzamentos. O PP entréganos borrador de orzamentos.
    • 2 de xaneiro de 2016: celebramos Asemblea Aberta onde se acorda por unanimidade negociar os orzamentos e entregar un documento por escrito coas liñas de traballo (ningunha liña vermella) para chegar a un acordo (imaxe adxunta).
    • 8 de xaneiro de 2016: BNG-AA e PP mantemos unha segunda reunión onde lle facemos entrega do documento aprobado en asemblea. Nunha primeira letura, o alcalde afirma que están de acordo con todas as liñas de traballo. Nesta reunión comunícasenos a intención de celebrar as Festas da Dona, da Xuventude e do Neno.
    • 22 de xuño de 2016: o BNG-AA recibe convocatoria da Comisión Especial de Contas para informar do proxecto de Orzamentos (sustancialmente diferente do borrador presentado en xaneiro). Entre o 8 de xaneiro e o 22 de xuño o PP non se puxo en contacto co BNG-AA.
    • 1 de xullo de 2016: BNG-AA e alcalde mantemos unha terceira reunión por solicitude do PP para falar dos orzamentos. O BNG-AA volve a presentar o mesmo documento que o 8 de xaneiro. A reunión remata precipitadamente pola noticia do accidente mortal dun veciño de Portadeconde. Sen embargo, o alcalde volve afirmar que está de acordo con todas as liñas de traballo plantexadas.
    • 7 de xullo de 2016: PP e VUP aproban conxuntamente os orzamentos municipais sen ningunha observación de VUP e a única oposición do BNG-Asembleas Abertas.

  • O grupo de goberno non estableceu ningún medio de participación veciñal para a elaboración dos orzamentos (incumprimento do programa electoral).
  • Os orzamentos non inclúen o acordo plenario UNÁNIME de 21 de novembro de 2015 polo que se debería incluír nos orzamentos do ano 2016 partida suficiente para afrontar a construción dunha "pista multideporte" na parroquia de Briallos durante o ano 2016 (proposta feita polo BNG-AA). O PP incumpre ata as súas propias votacións.
  • Mantéñense unhas taxas e impostos desmesurados en comparación cos servizos prestados (incumprimento do programa electoral do PP).
  • Aplícase un durísimo catastrazo cunha suba dun 30% na recadación por IBI (imposto de bens inmobles) en plena crise económica.
  • Non se atenden as necesidades reais e urxentes dos veciños e veciñas de Portas.
  • Superado o ano de lexislatura seguen sen existir unhas bases para o reparto de subvencións de modo que se seguen repartindo por afinidades e a dedo.
  • Incúmprense as promesas electorais do PP: máis gasto en festas, cando se comprometeron ao contrario, e nada para bolsas de estudos.
  • O PP incumpre o artigo 112.4 da Lei de Bases de Réxime Local ("A aprobación definitiva do Orzamento polo Pleno da Corporación deberá realizarse antes do 31 de decembro do ano anterior ao do exercicio en que deba aplicarse.").
  • A situación económica do concello é tan precaria que sen o apoio da Deputación non tería capacidade para executar ningún tipo de gasto en investimentos.
  • Ante a imposición duns orzamentos non negociados, sen participación veciñal, que non resolven as necesidades do concello e que non contemplan NINGUNHA das liñas de traballo que plantexamos, o BNG-Asembleas Abertas votou EN CONTRA.