8 de xan. de 2016

Estado lamentable do reformado pavillón de Romai

Estado lamentable do pavillón de Romai despois dunha rehabilitación que custou 388.965,63€ (custe dos proxectos técnicos non incluídos).


A Deputación licitou a reforma mediante procedemento aberto por 372.348,24€ o 6 de febreiro de 2011 (presentáronse 24 ofertas). A adxudicación realizouse o 20 de xullo de 2012 á empresa "Obras y Construcciones Sostenibles S.L." (con domicilio social no Grove) por 290.431,28€, é dicir, cun 22% de baixa con respecto ao importe de licitación. O prazo de execución era de 18 meses.
As obras estiveron paralizadas en 2013 por un reformado do proxecto para incluír o reforzamento das cerchas do tellado. Modificado que a Deputación aprobou o 5 de setembro de 2013 por 42.065,35 €.
Posteriormente, decidiuse poñer caucho flexible no chan cun custe de 56.469€.
A obra RE-inaugurouse oficialmente o 11 de xullo de 2015 (incluíndo placa co nome do recén investido alcalde). Non se cumpriron os prazos de execución e o resultado, salta á vista, é moi decepcionante, porque nada parece ter cambiado respecto das fotos que o BNG publicou en 2009.

O financiamento das obras procedeu 100% da Deputación:
a. Libre disposición da presidencia: 129.799,12€.
b. Plan de Investimentos da Deputación 2009-2011: 160.632,16€ (esta cantidade primeiro foi destinada para a "climatización de piscina municipal", pero dada a súa "inviabilidade económica" decidiuse cambiarlle o destino).
c. Plan de Investimentos e Gastos Correntes 2012: 42.065,35€ (un plan de 2012 pero cun gasto aprobado en setembro de 2013...).
d. Plan Provincial de Obras e Servizos 2015: 56.469€.

Na foto apréciase como a auga e a humidade está a producir caídas de pintura e manchas nas paredes e grietas no chan.

Algún político asume algún tipo de responsabilidade? Ou só dan a cara para re-re-re-inaugurar?