25/10/2016

Pleno Ordinario

O venres 28 de outubro de 2016 ás 19:30 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión ordinaria de 23/06/2016.
  2. Aprobación da acta da sesión extraordinaria de 07/07/2016.
  3. Aprobación da acta da sesión extraordinaria de 29/08/2016.
  4. Adhesión ao convenio subscrito entre axencia estatal de administración tributaria e a federación española de municipios e provincias en materia de subministro de carácter tributario.
  5. Mocións:
    1. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre Corrección das Bases Reguladoras do procedemento de concesión de axudas municipais ao apoio ao estudo para o curso 2016-2017 para familias con dificultades económicas.
  6. Dación de conta dos Decretos e Resolucións de Alcaldía.
  7. Informes da Presidencia.
  8. Rogos e preguntas.


18/10/2016

Convocatoria ordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno

O venres 22 de outubro de 2016 ás 20:30 h. celebrarase unha reunión ordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación acta da sesión ordinaria do 17/06/2016.
  2. Adhesión ao convenio subscrito entre Axencia estatal de administración tributaria e a Federación española de municipios e provincias en materia de subministro de carácter tributario.
  3. Mocións:
    1. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre Corrección das bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas municipais ao apoio ao estudo para o curso 2016-2017 para familias con dificultades económicas.
  4. Rolda de intervencións.


11/10/2016

Medio Rural rectifica e abre un novo período de exposición pública despois da denuncia de BNG-Asembleas Abertas


IRREGULARIDADES NA EXPOSICIÓN PÚBLICA DO PROXECTO DE REDE DE CAMIÑOS DA PARCELARIA DE ROMAI


Hoxe, 11 de outubro, o concello de Portas recibiu por parte da Xefatura Territorial do Servizo de Infraestruturas Agrarias comunicación (ver imaxe anexa) establecendo un novo prazo de exposición do proxecto de rede de camiños da concentración parcelaria da parroquia de Romai, tal como solicitara o BNG-Asembleas Abertas o venres pasado (7 de outubro) tras denunciar graves irregularidades na documentación exposta.

O BNG-Asembleas Abertas felicítase pola rectificación da consellería de Medio Rural e a apertura dun novo período de exposición pública, sen embargo, ten que denunciar que a documentación da ligazón web á que remite o escrito segue sorprendentemente sen incluír os planos do proxecto a pesares de indicarse expresamente “engádense os planos do proxecto ausentes na publicación do 09/09/2016”.

Inmediatamente despois da recepción do comunicado da Consellería o alcalde asinou un Bando (ver imaxe anexa) anunciando este novo período de exposición pública pero con tal desleixo que nin sequera comprobou que os erros que motivaron este novo período de exposición foran arranxados.

BNG-Asembleas Abertas lamenta que o goberno municipal sega sen preocuparse o máis mínimo dun asunto de tal transcendencia como unha parcelaria. Sen plenos ordinarios dende o 24 de xuño, nin se decataron dos erros na documentación no primeiro período de exposición nin agora. Mañá celebrarán por todo o alto a Festa da Terceira Idade. Pan e circo.



07/10/2016

BNG-Asembleas Abertas esixe abrir un novo período de exposición pública e reunións informativas cos veciños

BNG-ASEMBLEAS ABERTAS DETECTA IRREGULARIDADES NA EXPOSICIÓN PÚBLICA DO PROXECTO DE REDE DE CAMIÑOS DA PARCELARIA DE ROMAI

O BNG-Asembleas Abertas detectou graves irregularidades na documentación que se atopa actualmente exposta do proxecto de rede de camiños da concentración parcelaria da parroquia de Romai, polo que presentará alegacións para esixir a apertura dun novo período de exposición pública despois da corrección dos erros existentes.

A día de hoxe, venres 7 de outubro, os planos que se atopan expostos na casa do concello (só en versión electrónica, en pdf), están cortados e incompletos e a documentación da ligazón web á que remiten os carteis anunciadores non contén os planos do proxecto, polo que os veciños e veciñas interesados non poden coñecer o seu contido.

A isto engádese que os carteis colocados polo concello (imaxe máis abaixo) avisando da exposición do proxecto non indican a data a partir da cal comeza a contar o período dun mes de exposición pública para presentar alegacións, causando novamente indefensión nos interesados.

O goberno municipal, ocupado en organizar festas, nin convoca plenos ordinarios dende hai máis de tres meses nin se preocupa dun asunto tan importante como unha parcelaria. O BNG-Asembleas Abertas demanda a celebración de reunións informativas sobre a parcelaria de Romai para responder as dúbidas veciñais sobre un asunto que lles vai afectar fondamente.