23 de feb. de 2016

Pleno Ordinario

O venres 26 de febreiro de 2016 ás 19:30 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
  1. Aprobación da acta da sesión ordinaria de 26/12/2015.
  2. Dación de conta de Decretos e Resolucións da Alcaldía.
  3. Mocións:
    1. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre periodicidade das sesións das comisións informativas.
    2. Outras:
      1. Moción presentada por ANOVA UMIA e BNG-Asembleas Abertas de Portas sobre o Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia.
  4. Rogos e preguntas.
Unha vez máis non se tivo en conta a opinión do BNG-Asembleas Abertas para a concreción da orde do día e os temas que se deberían tratar neste pleno ordinario. O alcalde, en minoría, segue impoñendo a súa vontade sen diálogo e incumprindo sistematicamente os compromisos adquiridos.
Un pleno absolutamente baleiro de contido se non fose polas dúas mocións presentadas pola oposición. Un goberno en minoría que lle sustrae ao Pleno todas as decisións.

18 de feb. de 2016

Moción para establecer a periodicidade das sesións ordinarias da "Comisión Informativa de Asuntos a Tratar polo Pleno"


Hoxe xoves 18 de febreiro, o BNG-Asembleas Abertas ven de presentar unha moción no rexistro do concello para demandar o establecemento dunha periodicidade preestablecida das sesións ordinarias da Comisión Informativa de Asuntos a Tratar polo Pleno.
A creación desta Comisión, demanda do BNG-Asembleas Abertas, foi aprobada no Pleno do 28 de agosto. O compromiso do alcalde e do grupo de goberno foi a de convocar esta Comisión unha semana antes de cada Pleno ordinario e no mesmo horario, sen embargo, dos tres últimos plenos ordinarios só foi convocada unha vez, nin se convocou en outubro nin se convocou para o de febreiro. 
A lei de Bases de Réxime Local e o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locias establecen que este tipo de Comisións funcionan en réxime de sesións ordinarias de periodicidade preestablecida.
Dado que o Pleno non acordou a periodicidade da Comisión Informativa de Asuntos a Tratar polo Pleno e non se cumpre o compromiso verbal do Alcalde, o BNG-Asembleas Abertas presenta esta moción para evitar no futuro a arbitrariedade na convocatoria da Comisión por parte do grupo de goberno.