20 de dec. de 2016

Pleno Extraordinario

O venres 23 de decembro de 2016 ás 19:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión ordinaria de 28/10/2016.
  2. Adhesión ao servizo de cesión de datos para as administracións públicas da tesourería xeral da seguridade social.
  3. Reclamación en materia de cantidade (indemnización de responsabilidade civil derivada de accidente de traballo) de Mónica Ferro Goldar.
  4. Delegación na Deputación Provincial de Pontevedra - ORAL, das facultades de xestión, inspección, liquidación, recadación e revisión relativo ao imposto sobre vehículos de tracción mecánica (alta ITVM).
  5. Aprobación e establecemento de ordenanza fiscal reguladora prezo público por actividades culturais.
  6. Mocións.
    1. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre xustificación do emprego de procedementos negociados sen publicidade.
    2. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre remisión de Decretos da Alcaldía á Oposición no prazo de 10 días dende a súa sinatura.
  7. Dación de conta dos Decretos e Resolucións de Alcaldía.
  8. Informes da Presidencia.
  9. Rogos e preguntas.

16 de dec. de 2016

Moción para xustificación do emprego de procedementos negociados sen publicidade


O BNG-Asembleas Abertas ven de presentar no concello unha moción para reclamar a xustificación do emprego de procedementos negociados sen publicidade para a adxudicación de obras, subministracións ou servizos.
Na actual lexislatura o goberno municipal xa empregou en varias ocasións o procedemento negociado sen publicidade sen motivalo suficientemente, polo que solicitamos que no futuro se motive máis axeitadamente e no caso das adxudicacións xa realizadas pedimos que a Alcaldía faga un informe de xustificación.



Moción para remisión dos Decretos da Alcaldía á oposición no prazo de 10 días dende a súa sinatura

O BNG-Asembleas Abertas ven de presentar no concello unha moción para reclamar a entrega a todos os membros da Corporación Local de todas as resolucións, providencias, comunicacións ou calquera tipo de orde escrita da Alcaldía no prazo de 10 días dende a súa sinatura.
Actualmente no concello de Portas todas as competencias posibles están concentradas na Alcaldía e non existe Xunta de Goberno por decisión do grupo de goberno de modo que todas as decisións son tomadas polo Alcalde e son comunicadas á oposición con entre 4 e 6 meses de retraso polo que se impide de forma efectiva o traballo de fiscalización do noso grupo.


15 de dec. de 2016

O pavillón de Romai: expoñente da incompetencia do goberno municipal

Vídeo onde se ve caer unha columna de auga que inunda unha vez máis o pavillón de Romai

Leva un mes sen chover, caen dúas pingas e o pavillón de Romai volve a inundarse. Imaxes do xoves 15 de decembro de 2016.
Víctor Estévez, Roberto Vázquez e Rafael Louzán reinauguraron o pavillón de Romai o 11 de xullo de 2015, e a pesares dos 400.000 euros que costou a rehabilitación as pingueiras, os charcos e as columnas de auga inundan periodicamente o pavillón.
Este problema foi creado por Estévez, Vázquez e Louzán que coas présas electorais recepcionaron unhas obras mal executadas e agora un incompetente goberno municipal é incapaz de poñerlle solución.

Na ligazón pódese ver a inundación de xaneiro de 2016: 

14 de dec. de 2016

Convocatoria ordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno

O venres 16 de decembro de 2016 ás 20:30 h. celebrarase unha reunión ordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación acta da sesión ordinaria do 21/10/2016.
  2. Adhesión ao servizo de cesión de datos para as administracións públicas da tesourería xeral da seguridade social.
  3. Informe reclamación en materia de cantidade (indemnización de responsabilidade civil derivada de accidente de traballo) de Mónica Ferro Folgar.
  4. Delegación na Deputación Provincial de Pontevedra - ORAL das facultades de xestión, inspección, liquidación, recadación e revisión relativos ao imposto sobre vehículos de tracción mecánica (alta IVTM).
  5. Aprobación e establecemento e ordenanza fiscal reguladora prezo público por actividades culturais e artísticas.
  6. Rolda de intervencións.

O alcalde volve a saltarse un acordo plenario unánime e convoca a Comisión Informativa para o venres 16 en lugar do día que lle corresponde que é o venres 23 de decembro. Nin sequera se puxo en contacto co grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas para explicar este cambio.
No pleno ordinario de 26 de febreiro de 2016 aprobouse por unanimidade unha moción do BNG-Asembleas Abertas que establecía a periodicidade das sesións ordinarias da Comisión Informativa de Asuntos a tratar polo Pleno. O acordo aprobado di textualmente: "As sesións ordinarias da Comisión Informativa de Asuntos a Tratar polo Pleno terán unha periodicidade dunha cada dous meses, o penúltimo venres dos meses pares ás 20:30h. Se este día cadra en festivo, a sesión trasladarase á véspera ou ó seguinte día hábil".

2 de dec. de 2016

Novo Boletín Informativo - Decembro 2016

O BNG-Asembleas Abertas edita un novo boletín informativo (Nº 16 # Decembro de 2016), que comezará a repartirse polas casas de Portas nos próximos días.
O goberno municipal adxudica "sen publicidade" un contrato de 35.605,90 euros á empresa do Secretario de Organización do PP de Portas


29 de nov. de 2016

O concello de Portas adxudica "sen publicidade" un contrato de 35.605,90€ á empresa do secretario de organización do PP de Portas

AUSENCIA DE TRANSPARENCIA E TRATO DE FAVOR A DIRIXENTES DO PARTIDO POPULAR DE PORTAS

O goberno municipal do Partido Popular adxudicou mediante procedemento negociado sen publicidade un contrato de subministro de maquinaria por valor de 35.605,60 € a Rafael Seijo Rodríguez (Seymos Maquinaria Agrícola S.L.), secretario de organización do Partido Popular de Portas e candidato en sétima posición nas últimas eleccións municipais.

Ademais deste contrato, no que vai de lexislatura Seymos Maquinaria Agrícola S.L. facturoulle ao concello de Portas máis de 15.000 euros en decenas de pequenas facturas.

Antes de iniciarse o procedemento negociado para a adxudicación do contrato de 35.600 euros o BNG-Asembleas Abertas solicitou en Pleno (xuño de 2016) que o método de adxudicación fose aberto, ou no seu defecto que fose negociado con publicidade, de modo que calquera empresa puidese presentar oferta libremente. O PP negouse.


As características técnicas esixidas para a maquinaria a subministrar, detalladas no prego de prescricións técnicas, coinciden con extrema puntualidade coas características técnicas de máquinas específicas do catálogo dunha marca concreta.

O goberno municipal invitou a catro empresas a presentar ofertas, coa coincidencia de que as catro son distribuidoras oficiais da marca Husqvarna. Tres das catro empresas convidadas presentaron oferta e todas as máquinas dos tres orzamentos son idénticas: 3 desbrozadoras Husqvarna 545RX, soprador Husqvarna 570BTS, hidrolimpadora Benza 200/15 4R, motoserra Husqvarna 550XP, motoserra Husqvarna T540XP, desbrozadora para tractor Becchio & Mandrile BR180 con cardan, corredeira e acoplamento, rider Husqvarna P524 máis desbrozadora de impacto e cepillo rotativo, e cortacéspede Husqvarna LB 553S.

A apertura dos sobres coas ofertas recibidas non foi anunciada e realizouse sen público presente. Á apertura das ofertas nin se convidou ás empresas nin a membros da oposición.

Se non hai nada que ocultar, por que esta falta intencionada de transparencia?

BNG-Asembleas Abertas non lle nega o dereito a Seymos ou a calquera outra empresa a ofrecer os seus servizos e recibir contratos por parte do concello de Portas, pero si esiximos transparencia, publicidade e igualdade de oportunidades para todos.

BNG-Asembleas Abertas demanda que todas as adxudicacións de obras, servizos ou subministracións de certa entidade se realicen mediante procedementos abertos, transparentes e de libre concorrencia que ademais de fomentar a competencia e resultar máis vantaxosos economicamente para o concello, evitan as actuacións caciquís.

21 de nov. de 2016

Lotaría do nadal 2016-2017

Temos á venda lotaría do nadal, se alguén está interesado/a podedes poñervos en contacto persoalmente con calquera dos membros do grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas de Portas, ou a través do noso correo electrónico, blog ou páxina de Facebook.

14 de nov. de 2016

O BNG-Asembleas Abertas presenta alegacións ao "Proxecto de rede principal de camiños adaptados á lei METAGA na parroquia de Romai" (Parcelaria de Romai)

O BNG-Asembleas Abertas lamenta que o concello de Portas non se interesase en absoluto polo proxecto de camiños da parcelaria de Romai e que o servizo de infraestruturas agrarias da Xunta tampouco realizase, como se lle solicitou, charlas informativas impartidas por técnicos competentes na materia antes ou durante o período de exposición pública para responder ás dúbidas dos propietarios/as.
O BNG-Asembleas Abertas presentou as seguintes alegacións:


8 de nov. de 2016

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O venres 11 de novembro ás 21:30 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai. Asuntos a tratar:

  • Estratexia de traballo municipal.
  • Asuntos varios.

Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

4 de nov. de 2016

O Concello de Portas aproba unha convocatoria de subvencións para asociacións cunhas bases imposibles de cumprir

DESPOIS DE ANO E MEDIO DE LEXISLATURA O GOBERNO MUNICIPAL SEGUE IMPROVISANDO EN CADA ACTUACIÓN

O pasado luns 24 de outubro, o concello de Portas publicou no BOP as “bases e convocatoria para a concesión de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro para o ano 2016”.

O concello de Portas, sen informar previamente nin á oposición nin ás asociacións, aprobou unhas bases que imposibilitan de facto que as asociacións poidan concorrer ás axudas. A desproporcionada petición de documentación, o mínimo prazo de presentación de solicitudes de só 15 días naturais (ata o 8 de novembro, incluídos festivos e fin de semana) e a esixencia de xustificar as actividades subvencionables antes do 15 de decembro fan imposible o cumprimento das bases polo que as asociacións están a renunciar a presentarse.

Tendo en conta o prazo adicional de 10 días contemplado para emendar anomalías nas solicitudes, a tramitación dos expedientes por parte dos técnicos municipais, a resolución da alcaldía, a comunicación de acordo de concesión e un prazo de 7 días para a aceptación, non quedará tempo físico para realizar as actividades e presentar toda a documentación de xustificación antes do 15 de decembro.


BNG-Asembleas Abertas lamenta a falta de sensibilidade e respecto que o goberno municipal está a demostrar coas asociacións culturais e deportivas do concello. Resolver unha convocatoria de axudas que debería ser para todo o ano 2016 en decembro de 2016 é unha tomadura de pelo. Esta nova improvisación non lle servirá ao alcalde e á concelleira de cultura para xustificar a absoluta falta de apoio ás asociacións en ano e medio de lexislatura.


25 de out. de 2016

Pleno Ordinario

O venres 28 de outubro de 2016 ás 19:30 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión ordinaria de 23/06/2016.
  2. Aprobación da acta da sesión extraordinaria de 07/07/2016.
  3. Aprobación da acta da sesión extraordinaria de 29/08/2016.
  4. Adhesión ao convenio subscrito entre axencia estatal de administración tributaria e a federación española de municipios e provincias en materia de subministro de carácter tributario.
  5. Mocións:
    1. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre Corrección das Bases Reguladoras do procedemento de concesión de axudas municipais ao apoio ao estudo para o curso 2016-2017 para familias con dificultades económicas.
  6. Dación de conta dos Decretos e Resolucións de Alcaldía.
  7. Informes da Presidencia.
  8. Rogos e preguntas.


18 de out. de 2016

Convocatoria ordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno

O venres 22 de outubro de 2016 ás 20:30 h. celebrarase unha reunión ordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación acta da sesión ordinaria do 17/06/2016.
  2. Adhesión ao convenio subscrito entre Axencia estatal de administración tributaria e a Federación española de municipios e provincias en materia de subministro de carácter tributario.
  3. Mocións:
    1. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre Corrección das bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas municipais ao apoio ao estudo para o curso 2016-2017 para familias con dificultades económicas.
  4. Rolda de intervencións.


11 de out. de 2016

Medio Rural rectifica e abre un novo período de exposición pública despois da denuncia de BNG-Asembleas Abertas


IRREGULARIDADES NA EXPOSICIÓN PÚBLICA DO PROXECTO DE REDE DE CAMIÑOS DA PARCELARIA DE ROMAI


Hoxe, 11 de outubro, o concello de Portas recibiu por parte da Xefatura Territorial do Servizo de Infraestruturas Agrarias comunicación (ver imaxe anexa) establecendo un novo prazo de exposición do proxecto de rede de camiños da concentración parcelaria da parroquia de Romai, tal como solicitara o BNG-Asembleas Abertas o venres pasado (7 de outubro) tras denunciar graves irregularidades na documentación exposta.

O BNG-Asembleas Abertas felicítase pola rectificación da consellería de Medio Rural e a apertura dun novo período de exposición pública, sen embargo, ten que denunciar que a documentación da ligazón web á que remite o escrito segue sorprendentemente sen incluír os planos do proxecto a pesares de indicarse expresamente “engádense os planos do proxecto ausentes na publicación do 09/09/2016”.

Inmediatamente despois da recepción do comunicado da Consellería o alcalde asinou un Bando (ver imaxe anexa) anunciando este novo período de exposición pública pero con tal desleixo que nin sequera comprobou que os erros que motivaron este novo período de exposición foran arranxados.

BNG-Asembleas Abertas lamenta que o goberno municipal sega sen preocuparse o máis mínimo dun asunto de tal transcendencia como unha parcelaria. Sen plenos ordinarios dende o 24 de xuño, nin se decataron dos erros na documentación no primeiro período de exposición nin agora. Mañá celebrarán por todo o alto a Festa da Terceira Idade. Pan e circo.



7 de out. de 2016

BNG-Asembleas Abertas esixe abrir un novo período de exposición pública e reunións informativas cos veciños

BNG-ASEMBLEAS ABERTAS DETECTA IRREGULARIDADES NA EXPOSICIÓN PÚBLICA DO PROXECTO DE REDE DE CAMIÑOS DA PARCELARIA DE ROMAI

O BNG-Asembleas Abertas detectou graves irregularidades na documentación que se atopa actualmente exposta do proxecto de rede de camiños da concentración parcelaria da parroquia de Romai, polo que presentará alegacións para esixir a apertura dun novo período de exposición pública despois da corrección dos erros existentes.

A día de hoxe, venres 7 de outubro, os planos que se atopan expostos na casa do concello (só en versión electrónica, en pdf), están cortados e incompletos e a documentación da ligazón web á que remiten os carteis anunciadores non contén os planos do proxecto, polo que os veciños e veciñas interesados non poden coñecer o seu contido.

A isto engádese que os carteis colocados polo concello (imaxe máis abaixo) avisando da exposición do proxecto non indican a data a partir da cal comeza a contar o período dun mes de exposición pública para presentar alegacións, causando novamente indefensión nos interesados.

O goberno municipal, ocupado en organizar festas, nin convoca plenos ordinarios dende hai máis de tres meses nin se preocupa dun asunto tan importante como unha parcelaria. O BNG-Asembleas Abertas demanda a celebración de reunións informativas sobre a parcelaria de Romai para responder as dúbidas veciñais sobre un asunto que lles vai afectar fondamente.


30 de set. de 2016

Sen Pleno ordinario en Portas dende hai tres meses

VÍCTOR ESTÉVEZ INCUMPRE A LEI E DOUS ACORDOS PLENARIOS

O grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas denuncia que o alcalde de Portas, Víctor Estévez, máis ocupado de organizar festas e campañas electorais que de dar explicacións da súa xestión municipal, leva máis de tres meses sen convocar sesións ordinarias nin do Pleno municipal nin da Comisión Informativa incumprindo a lei de bases de réxime local (artigo 4.2.a) e dous acordos plenarios, e impedindo que a oposición fiscalice a súa acción de goberno.
Por imposición do PP, en Portas non se constituíu Xunta de Goberno e todas as competencias están concentradas na persoa do alcalde, que goberna a golpe de decreto (máis de 80 no que vai de ano). Esta concentración de poder, exercido por decreto, sen someter ningunha decisión ao Pleno e a negativa a informar á oposición impoñen un sistema máis propio de réximes absolutistas que dun concello democrático.
Tería que terse celebrado un pleno ordinario o pasado 26 de agosto ás 20:30 h en aplicación do acordo plenario de 10 de xullo de 2015 no que se establecía a periodicidade dos plenos, e igualmente tería que terse reunido a Comisión Informativa de asuntos a tratar polo pleno o 19 de agosto aplicando o acordo plenario unánime de 26 de febreiro de 2016, sen embargo, estas reunións nin se convocaron nin se dou ningún tipo de explicación por non facelo.
O BNG-Asembleas Abertas esixe a convocatoria inmediata dunha sesión ordinaria do Pleno municipal para que o grupo de goberno dea conta da súa xestión, informe aos veciños e veciñas e as mocións da oposición poidan ser tratadas.

8 de set. de 2016

Novo Boletín Informativo - Setembro 2016

O BNG-Asembleas Abertas edita un novo boletín informativo (Nº 15 # Setembro de 2016), que comezará a repartirse polas casas de Portas nos próximos días.
Balance desolador do primiero ano de mandato






31 de ago. de 2016

Moción para corrección das "Axudas municipais de apoio ao estudo 2016-2017"

O BNG-Asembleas Abertas ven de presentar esta mañá no rexistro do concello de Portas unha moción para reclamar a corrección das "Bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas municipais o apoio ao estudo para o curso 2016-2017 para familias con dificultades económicas".
Consideramos positivo que se concedan este tipo de axudas e que a súa concesión se rixa por unhas bases reguladoras tal e como vimos solicitando reiteradamente dende hai moitos anos. Sen embargo, consideramos inadmisibles algúns dos requisitos e documentación esixidos.

BOP do 4 de agosto: http://www.boppo.depo.es/web/boppo/detalle/-/boppo/2016/08/04/2016030690
Texto íntegro das Bases: http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/313811

24 de ago. de 2016

Pleno Extraordinario

O luns 29 de agosto de 2016 ás 20:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Conta Xeral 2015.
  2. Festivos Locais 2017.
  3. Formación mesas electorais - Sorteo Eleccións Autonómicas 2016.


20 de ago. de 2016

VI Comida-Xuntanza na Praia Fluvial de Lantaño - DATA ACTUALIZADA

O próximo sábado 10 de setembro o BNG-Asembleas Abertas de Portas celebra unha comida-xuntanza na praia fluvial de Lantaño.
Cada un leva a súa comida e a súa bebida e logo alí compartimos. Tod@s @s amig@s do BNG-Asembleas Abertas de Portas estades convidad@s.
Quedamos na praia a partires das 11:00h. O plan é darse un bañiño (os que quieran) na praia antes de comer. Despois da comida: sesta, paseo ata o Currucho, praia e gozar da compañía.

Nota: a data prevista inicialmente para o sábado 27 de agosto modificouse polo falecemento dun familiar dun simpatizante.

15 de ago. de 2016

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O venres 19 de agosto ás 21:30 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai.
Asuntos a tratar:

  • Aprobación novo boletín informativo.
  • VI Comida-Xuntanza.
  • Asuntos varios.

Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

7 de xul. de 2016

Valoración do Pleno Extraordinario de 7 de xullo de 2016 - Orzamento Municipal 2016


  • O grupo de goberno aprobou os Orzamentos de 2016 con 8 votos a favor (4 PP + 4 VUP) e 1 en contra (BNG-Asembleas Abertas). PP e VUP xa non ocultan a súa afinidade total.
  • Dous concelleiros do grupo BNG-AA non puideron asistir por motivos laborais. Un pleno en xoves 7 de xullo ás 12:00 h. non é un horario aceptable para quizais o pleno máis importante do ano. O grupo de goberno incumpre unha vez máis o seu programa electoral poñendo un pleno a un horario incompatible coa participación veciñal e sen publicidade.
  • Breve cronoloxía:
    • 30 de decembro de 2015: BNG-AA e PP mantemos unha reunión por solicitude do PP para negociar os orzamentos. O PP entréganos borrador de orzamentos.
    • 2 de xaneiro de 2016: celebramos Asemblea Aberta onde se acorda por unanimidade negociar os orzamentos e entregar un documento por escrito coas liñas de traballo (ningunha liña vermella) para chegar a un acordo (imaxe adxunta).
    • 8 de xaneiro de 2016: BNG-AA e PP mantemos unha segunda reunión onde lle facemos entrega do documento aprobado en asemblea. Nunha primeira letura, o alcalde afirma que están de acordo con todas as liñas de traballo. Nesta reunión comunícasenos a intención de celebrar as Festas da Dona, da Xuventude e do Neno.
    • 22 de xuño de 2016: o BNG-AA recibe convocatoria da Comisión Especial de Contas para informar do proxecto de Orzamentos (sustancialmente diferente do borrador presentado en xaneiro). Entre o 8 de xaneiro e o 22 de xuño o PP non se puxo en contacto co BNG-AA.
    • 1 de xullo de 2016: BNG-AA e alcalde mantemos unha terceira reunión por solicitude do PP para falar dos orzamentos. O BNG-AA volve a presentar o mesmo documento que o 8 de xaneiro. A reunión remata precipitadamente pola noticia do accidente mortal dun veciño de Portadeconde. Sen embargo, o alcalde volve afirmar que está de acordo con todas as liñas de traballo plantexadas.
    • 7 de xullo de 2016: PP e VUP aproban conxuntamente os orzamentos municipais sen ningunha observación de VUP e a única oposición do BNG-Asembleas Abertas.

  • O grupo de goberno non estableceu ningún medio de participación veciñal para a elaboración dos orzamentos (incumprimento do programa electoral).
  • Os orzamentos non inclúen o acordo plenario UNÁNIME de 21 de novembro de 2015 polo que se debería incluír nos orzamentos do ano 2016 partida suficiente para afrontar a construción dunha "pista multideporte" na parroquia de Briallos durante o ano 2016 (proposta feita polo BNG-AA). O PP incumpre ata as súas propias votacións.
  • Mantéñense unhas taxas e impostos desmesurados en comparación cos servizos prestados (incumprimento do programa electoral do PP).
  • Aplícase un durísimo catastrazo cunha suba dun 30% na recadación por IBI (imposto de bens inmobles) en plena crise económica.
  • Non se atenden as necesidades reais e urxentes dos veciños e veciñas de Portas.
  • Superado o ano de lexislatura seguen sen existir unhas bases para o reparto de subvencións de modo que se seguen repartindo por afinidades e a dedo.
  • Incúmprense as promesas electorais do PP: máis gasto en festas, cando se comprometeron ao contrario, e nada para bolsas de estudos.
  • O PP incumpre o artigo 112.4 da Lei de Bases de Réxime Local ("A aprobación definitiva do Orzamento polo Pleno da Corporación deberá realizarse antes do 31 de decembro do ano anterior ao do exercicio en que deba aplicarse.").
  • A situación económica do concello é tan precaria que sen o apoio da Deputación non tería capacidade para executar ningún tipo de gasto en investimentos.
  • Ante a imposición duns orzamentos non negociados, sen participación veciñal, que non resolven as necesidades do concello e que non contemplan NINGUNHA das liñas de traballo que plantexamos, o BNG-Asembleas Abertas votou EN CONTRA.


4 de xul. de 2016

Pleno Extraordinario

O xoves 7 de xullo de 2016 ás 12:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 30/05/2016.
  2. Aprobación Orzamento 2016.

22 de xuño de 2016

Convocatoria extraordinaria da Comisión Informativa Especial de Contas

O xoves 23 de xuño de 2016 ás 20:00 h. celebrarase unha sesión extraordinaria da Comisión Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Orzamentos 2016.


20 de xuño de 2016

Pleno Ordinario

O xoves 23 de xuño de 2016 ás 20:30 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión ordinaria de 29/04/2016.
  2. Adhesión ao Convenio de Colaboración en materia de xestión catastral entre a Secretaría de Estado de Facenda (Dirección Xeral de Catastro) e a Deputación Provincial de Pontevedra.
  3. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre a Limpeza do Lavadoiro de Paraíso en Portas.
  4. Dación de conta dos Decretos e Resolucións da Alcaldía.
  5. Informes da Presidencia.
  6. Rogos e preguntas.

14 de xuño de 2016

Convocatoria ordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno

O venres 17 de xuño de 2016 ás 20:30 h. celebrarase unha reunión ordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación acta da sesión ordinaria do 22/04/2016.
  2. Adhesión ao convenio de colaboración en materia de xestión catastral entre a Secretaría de Estado de Facenda (Dirección Xeral de Catastro) e a Deputación Provincial de Pontevedra.
  3. Mocións:
    1. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre a Limpeza do Lavadoiro de Paraíso en Portas.
  4. Rolda de intervencións.

11 de xuño de 2016

Moción para limpeza do lavadoiro de Paraíso en Portas

O sábado 11 de xuño, o BNG-Asembleas Abertas presentou unha moción no rexistro do concello para demandar a limpeza do lavadoiro de Paraíso en Portas.


7 de xuño de 2016

Convocatoria extraordinaria da Comisión Informativa Especial de Contas

O xoves 23 de xuño de 2016 ás 20:15 h. celebrarase unha sesión extraordinaria da Comisión Informativa Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Informe Conta Xeral exercicio 2015.

30 de maio de 2016

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O venres 3 de xuño ás 21:00 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai.
Asuntos a tratar:

  • Balance do primeiro ano de lexislatura.
  • Plan de traballo.

Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

25 de maio de 2016

Pleno Extraordinario

O luns 30 de maio de 2016 ás 20:45 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Formación mesas electorais - Sorteo eleccións xerais 2016


3 de maio de 2016

Encontro Aberto


O venres 13 de maio ás 21:00 h. celebrarase un encontro aberto na Casa da Cultura de Portas dentro do Proceso Adiante de relanzamento do proxecto nacionalista posto en marcha polo BNG.
Tamén se presentará o novo Consello Comarcal.

26 de abr. de 2016

Pleno Ordinario

O venres 29 de abril de 2016 ás 20:30 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión ordinaria de 26/02/2016.
  2. Dación de conta de Decretos e Resolucións da Alcaldía.
  3. Portal da Transparencia.
  4. Adhesión á Asociación Grupo do Desenvolvemento Rural do Salnés.
  5. Mocións:
    1. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre a Reordenación e Recuperación da Bouza do Porto (Briallos).
    2. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre a limpeza e arranxo da Fonte da Margarida en Lantaño.
    3. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre a adopción de medidas de conservación, protección e promoción do Petroglifo da Pedra da Grade.
    4. Outras mocións:
      1. Moción presentada pola Plataforma Salva o Tren - BNG-Asembleas Abertas.
  6. Rogos e preguntas.


22 de abr. de 2016

Moción para reordenación e recuperación da Bouza do Porto

Hoxe venres 22 de abril, o BNG-Asembleas Abertas ven de presentar unha moción no rexistro do concello para demandar a reordenación e recuperación da Bouza do Porto (Briallos).

21 de abr. de 2016

Moción para limpeza e arranxo da Fonte da Margarida en Lantaño

O xoves 21 de abril, o BNG-Asembleas Abertas presentou unha moción no rexistro do concello para demandar a limpeza e arranxo da Fonte da Margarida en Lantaño.