24/11/2015

O Concello de Portas colabora con espectáculos sexistas

BNG-ASEMBLEAS ABERTAS EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO
O grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas non asistirá á lectura do manifesto do goberno municipal do concello de Portas polo 25N Día internacional da loita contra a violencia de xénero en protesta pola súa colaboración en espectáculos sexistas e a súa negativa a condenalos.
Entre as actividades organizadas na “VII Concentración Mototurística Portas 2015”, o día 18 de xullo ás 18:00h. realizouse un “lavado de motos” en presenza de menores, en instalacións do concello (finca da Azucreira) e con financiación municipal (968€ en concepto de aluguer de equipo de son).
No pleno extraordinario celebrado o sábado pasado 21 de novembro, e que fora solicitado polo BNG-Asembleas Abertas, debateuse unha moción na que se reclamaba pedir desculpas públicas por ter colaborado con esta denigrante exhibición sexista, así como evitar futuras colaboracións en actos similares. O alcalde, Víctor Estévez, argumentou textualmente: “A min persoalmente non me parece sexista eso”, despois de explicar que non tiña coñecementos suficientes para saber o que é sexista e o que non, e de acusar ao BNG-Asembleas Abertas de inquisidor. O Partido Popular votou en contra da moción e VUP abstívose.
O Partido Popular opúxose a: “negar calquera tipo de colaboración presente ou futura con organizacións, asociacións ou persoas que organicen, fomenten, faciliten ou consintan espectáculos sexistas”.
Con anterioridade o primeiro tenente de alcalde, Ricardo Martínez, comparara un “lavamotos” cunha muller facendo topless na praia. Este é o nivel.
O BNG-Asembleas Abertas, comprometido en contra de todas as violencias machistas, non asistirá á lectura do manifesto do goberno municipal de Portas polo 25N, pois considera incompatible non condenar e incluso colaborar con actos sexistas, mentres de cara á galería se di que se loita contra a violencia de xénero.