24 de out. de 2015

Solicitude de pleno extraordinario


O alcalde non cumpre o seu compromiso de convocar a "Comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno" unha semana antes do pleno ordinario

O BNG-Asembleas Abertas ven de presentar no rexistro do concello a solicitude dun pleno extraordinario para que as mocións que ten presentado no último mes sexan sometidas á corporación municipal.

No pleno ordinario de agosto a corporación aprobou por unanimidade e a petición do grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas a creación dunha "Comisión Informativa de asuntos a tratar polo pleno". O compromiso do novo goberno municipal foi a de celebrar unha reunión desta comisión unha semana antes de cada pleno ordinario (o venres anterior e á mesma hora de cada pleno ordinario).

O próximo venres 30 de outubro ás 19:30 h. está previsto que se celebre un pleno ordinario, polo que segundo o compromiso do goberno municipal, o venres 23 de outubro ás 19:30 h. debería terse celebrado unha reunión da Comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno, sen embargo, nin se celebrou nin ninguén do goberno se puxo en contacto co grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas para advertir de tal circunstancia ou do motivo da non celebración.

O BNG-Asembleas Abertas considera o comportamento do goberno municipal incompatible cos compromisos adquiridos e as promesas de diálogo e entendemento, polo que se ve obrigado a solicitar un pleno extraordinario, ao abeiro da lexislación vixente, para garantir que as súas mocións son sometidas ao pleno da corporación.










Moción con motivo da Marcha Estatal contra As Violencias Machistas


En nome da Plataforma Feminista Galega (PFG), o BNG-Asembleas Abertas presenta unha moción no concello de Portas con motivo da Marcha Estatal contra as Violencias Machistas de 7 de novembro de 2015.
Erradicar a lacra das violencias machistas depende de todos e todas.