9 de xuño de 2015

Nota de prensa

CONTIDO DOS CONTACTOS MANTIDOS CON PP E VUP

O venres 5 de xuño, unha delegación do BNG-Asembleas Abertas mantivo senllas reunións coas outras forzas políticas que obtiveron representación na corporación municipal a petición destas. As conversas desenvolvéronse nun ambiente cordial no local da antiga cámara agraria que está a disposición dos grupos políticos municipais.
A reunión co Partido Popular iniciouse ás 19:00h e durou algo máis dunha hora. Nela, os representantes do PP informaron do seu xeito de traballar e propuxeron un pacto de lexislatura, establecendo como liñas vermellas nunha hipotética negociación: a alcaldía e non ter remuneracións ningún cargo.
A reunión con Veciñ@s Unid@s de Portas iniciouse ás 20:20h e durou 10 minutos. Nela, dous representantes de VUP propuxeron un pacto de goberno que, resumindo, consistiría na retirada da vida política de Roberto Vázquez, a alcaldía para VUP (Ramón Abuín), unha tenencia de alcaldía para BNG-Asembleas Abertas cunha dedicación parcial, representación paritaria dous a dous na xunta de goberno, concellaría de cultura para VUP (Mónica Castro) e a revisión do PXOM. Alcaldía e concellaría de cultura terían unha pequena dedicación parcial. Nesta proposta todo sería negociable excepto a alcaldía para VUP. De non haber acordo, Roberto Vázquez si recollería a acta de concelleiro.
Como se comunicou o sábado 6 de xuño, a asemblea local rexeitou unanimemente ambos ofrecementos. A decisión foi trasladada a ambos partidos durante a mañá dese mesmo día e non se estableceu ningún outro tipo de contacto dende entón.