22/04/2015

O BNG-Asembleas Abertas de Portas propón a celebración de debates electorais abertos

O grupo, encabezado por Santi Carballo, convida aos candidatos do Partido Popular (PP), Víctor Estévez, e de Veciños Unidos de Portas (VUP), Roberto Vázquez, a celebrar un debate electoral aberto de cara á convocatoria do próximo 24 de maio.
A proposta do BNG-Asembleas Abertas contempla, ademais da celebración dun debate principal entre candidatos, outro que, por parroquias, confronte ao primeiro representante de cada candidatura.
O candidato á Alcaldía manifestou con contundencia o seu interese en debater, contando coa presenza dos veciños, as propostas electorais defendidas polos tres grupos posto que "en democracia nada é tan importante como a contraposición de ideas, propostas e programas".
Carballo e o seu equipo, que están abertos a calquera outro tipo de formato para a celebración do debate, agardan que tanto o PP coma o VUP acepten a invitación e se poida acordar unhas datas para os encontros ao considerar que "é un dereito que non se lle pode negar aos veciños".