24 de out. de 2015

Solicitude de pleno extraordinario


O alcalde non cumpre o seu compromiso de convocar a "Comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno" unha semana antes do pleno ordinario

O BNG-Asembleas Abertas ven de presentar no rexistro do concello a solicitude dun pleno extraordinario para que as mocións que ten presentado no último mes sexan sometidas á corporación municipal.

No pleno ordinario de agosto a corporación aprobou por unanimidade e a petición do grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas a creación dunha "Comisión Informativa de asuntos a tratar polo pleno". O compromiso do novo goberno municipal foi a de celebrar unha reunión desta comisión unha semana antes de cada pleno ordinario (o venres anterior e á mesma hora de cada pleno ordinario).

O próximo venres 30 de outubro ás 19:30 h. está previsto que se celebre un pleno ordinario, polo que segundo o compromiso do goberno municipal, o venres 23 de outubro ás 19:30 h. debería terse celebrado unha reunión da Comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno, sen embargo, nin se celebrou nin ninguén do goberno se puxo en contacto co grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas para advertir de tal circunstancia ou do motivo da non celebración.

O BNG-Asembleas Abertas considera o comportamento do goberno municipal incompatible cos compromisos adquiridos e as promesas de diálogo e entendemento, polo que se ve obrigado a solicitar un pleno extraordinario, ao abeiro da lexislación vixente, para garantir que as súas mocións son sometidas ao pleno da corporación.










Ningún comentario: