10/06/2015

Sesión constitutiva da nova Corporación municipal

O sábado 13 de xuño de 2015 ás 13:00 h. celebrarase a sesión constitutiva da nova Corporación municipal na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  • Punto único. Constitución da nova Corporación Municipal.

09/06/2015

Nota de prensa

CONTIDO DOS CONTACTOS MANTIDOS CON PP E VUP

O venres 5 de xuño, unha delegación do BNG-Asembleas Abertas mantivo senllas reunións coas outras forzas políticas que obtiveron representación na corporación municipal a petición destas. As conversas desenvolvéronse nun ambiente cordial no local da antiga cámara agraria que está a disposición dos grupos políticos municipais.
A reunión co Partido Popular iniciouse ás 19:00h e durou algo máis dunha hora. Nela, os representantes do PP informaron do seu xeito de traballar e propuxeron un pacto de lexislatura, establecendo como liñas vermellas nunha hipotética negociación: a alcaldía e non ter remuneracións ningún cargo.
A reunión con Veciñ@s Unid@s de Portas iniciouse ás 20:20h e durou 10 minutos. Nela, dous representantes de VUP propuxeron un pacto de goberno que, resumindo, consistiría na retirada da vida política de Roberto Vázquez, a alcaldía para VUP (Ramón Abuín), unha tenencia de alcaldía para BNG-Asembleas Abertas cunha dedicación parcial, representación paritaria dous a dous na xunta de goberno, concellaría de cultura para VUP (Mónica Castro) e a revisión do PXOM. Alcaldía e concellaría de cultura terían unha pequena dedicación parcial. Nesta proposta todo sería negociable excepto a alcaldía para VUP. De non haber acordo, Roberto Vázquez si recollería a acta de concelleiro.
Como se comunicou o sábado 6 de xuño, a asemblea local rexeitou unanimemente ambos ofrecementos. A decisión foi trasladada a ambos partidos durante a mañá dese mesmo día e non se estableceu ningún outro tipo de contacto dende entón.

06/06/2015

Nota de prensa

BNG-ASEMBLEAS ABERTAS REXEITA POR UNANIMIDADE AS PROPOSTAS DE PP E DE VUP
BNG-ASEMBLEAS ABERTAS VOTARÁ A SANTI CARBALLO NA INVESTIDURA

O BNG-Asembleas Abertas rexeita por unanimidade as propostas de PP e VUP e acorda presentar candidato no pleno do día 13.
Na asemblea aberta celebrada o venres día 5 procedeuse a comunicar aos presentes o contido dos encontros solicitados tanto polo PP coma VUP. Unha vez coñecido o seu contido e sometido a deliberación, por unanimidade decidiuse rexeitalas e manterse na decisión de presentar e votar ao seu candidato no Pleno de constitución da corporación.
O máis salientable das propostas era a oferta do VUP, que a cambio dun pacto de goberno e a alcaldía para o seu número dous, Ramón Abuín, ofrecía a revisión do PXOM e a retirada da vida política de Roberto Vázquez.
Fronte aos rumores interesados dos últimos días, esta proposta demostra claramente o rexeite que a figura de Roberto Vázquez suscita no BNG-Asembleas Abertas e a imposibilidade de aceptar ningún tipo de acordo con el.
O BNG-Asembleas Abertas, como primeiro paso dunha normalidade política que, logo de 23 anos de despotismo, aspira a recuperar para Portas, compremétese publicamente a facilitar a gobernabilidade do concello, e amosa a súa disposición a dialogar e chegar a todos os acordos puntuais necesarios para o beneficio de Portas e de todos os seus veciños e veciñas.

05/06/2015

Pleno Extraordinario

O mércores 10 de xuño de 2015 ás 20:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  • Punto único. Aprobación acta sesión anterior.

Aplaudimos que por fin, despois de 23 anos de negativa por parte de Roberto Vázquez e o PP, se celebre un pleno a unha hora razoable para que poidan acudir os veciños e veciñas interesados. Lástima que o contido do pleno sexa intrascendental.

04/06/2015

Nota de prensa

O BNG-ASEMBLEAS ABERTAS DE PORTAS INICIA UNHA RONDA DE CONTACTOS ANTES DA CONSTITUCIÓN DO NOVO GOBERNO MUNICIPAL

Mañá venres 5 de xuño, unha delegación do BNG-Asembleas Abertas manterá senllas reunións coas outras dúas forzas políticas que obtiveron representación na corporación municipal.
O BNG-Asembleas Abertas acudirá a estas reunións, solicitadas tanto por PP como por VUP, a escoitar as súas propostas, que posteriormente serán trasladadas á asemblea local.
Para esa mesma noite xa está convocada unha asemblea aberta na que os presentes serán informados do contido destes contactos, e de seguido proceder a establecer a posición política cara ao pleno de investidura do día 13 de xuño.

02/06/2015

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O venres 5 de xuño ás 21:30 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai.

Asuntos a tratar:

  • Comunicación e información á asemblea dos contactos mantidos con outras forzas políticas.
  • Posición de BNG-Asembleas Abertas de cara ao pleno de investidura do día 13 de xuño.


Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.