22 de dec. de 2014

Plenos Extraordinario e Ordinario

O venres 26 de decembro celebraranse dous plenos na casa do concello, o primeiro Extraordinario ás 14:00 h. e o segundo Ordinario ás 14:50 h. coas seguintes ordes do día:

Pleno Extraordinario (14:00 h.) solicitado polo grupo municipal do BNG:
Punto único: Solicitude de novo trámite de información pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Pleno Ordinario (14:50 h.):
  1. Aprobación acta sesión anterior.
  2. Coñecemento resolucións alcaldía.
  3. Rogos e preguntas.
Unha nova "tomadura de pelo" por parte do goberno municipal ex-PP.

O BNG solicitou a convocatoria dun pleno extraordinario, facendo uso dos seus dereitos, para pedir que se volva a expoñer publicamente o PXOM antes da aprobación provisional, debido ás importantes modificacións introducidas polo goberno municipal en datas recentes. Sen embargo, é a alcaldía a que establece o día e a hora de celebración dos plenos. Convocar un pleno extraordinario dun asunto de tanta transcendencia para a vida cotiá da veciñanza como é o PXOM ás 14:00 h. é unha falta de respecto á oposición e aos veciños e veciñas que representan.

O pleno ordinario que se celebra por imperativo legal (senón o goberno municipal xa nin o faría) está convocado ás 14:50h., logo teñen intención de liquidar o extraordinario pola vía rápida, é dicir, impoñer a súa maioría absoluta sen debate e sen explicacións. Ademais o pleno ordinario foi baleirado completamente de contido, nunha nova falta de respecto pola oposición á que se ningunea, como se non houbese infinidade de temas que tratar nos plenos, que lembramos, son o máximo órgano de representación da veciñanza.

Se alguén desexa que lle transmitamos ao goberno municipal algún rogo ou pregunta, estaremos encantados de facelo.

Dende o BNG de Portas aproveitamos para felicitarvos as festas e desexarvos un bo ano 2015.