12 de dec. de 2014

O BNG esixe información e un novo trámite de información pública do PXOM

Pleno extraordinario solicitado polo BNG

O grupo municipal do BNG de Portas ven de presentar no rexistro do concello a solicitude dunha reunión extraordinaria do pleno da corporación para demandar información e un novo período de exposición pública do PXOM.
O documento de PXOM (aprobación inicial de 30 de agosto de 2013), foi modificado substancialmente tralo trámite de exposición pública de finais de 2013 con cambios de clasificación e usos do solo, tipoloxías edificatorias permitidas, tamaño mínimo de parcela e delimitacións dos núcleos rurais, entre outros. Estes cambios esixen, segundo a lei do solo de Galicia, que antes da aprobación provisional se abra un novo trámite de información pública.
Ademais, é inxustificable que aínda non foran corrixidos os erros detectados na cartografía, no parcelario, no catálogo de patrimonio ou na memoria.
Antóllase case imposible reconducir un documento mal ideado e carente de toda participación veciñal na súa redacción, pero cando menos é a nosa obriga limitar a indefensión causada nos veciños e veciñas que observan indefensos como o documento exposto publicamente non ten parecido algún co que se pretende aprobar provisionalmente.
Por outra parte, nos case seis anos de elaboración do PXOM, o equipo redactor non mantivo ningunha reunión informativa coa corporación municipal, a pesares das múltiples solicitudes formais do grupo municipal do BNG. O veto expreso do grupo de goberno (ex-PP) impide que a oposición se poida reunir co equipo redactor.
O grupo nacionalista de Portas demanda abrir un novo trámite de información pública do PXOM con anterioridade á aprobación provisional e manter unha reunión informativa co equipo redactor para que este explique e motive os cambios introducidos despois da aprobación inicial.
Texto da solicitude de pleno extraordinario

Texto da solicitude de pleno extraordinario

Texto da solicitude de pleno extraordinario