31/10/2014

Moción do BNG reclamando un novo "trámite de información pública" do PXOM con anterioridade á aprobación provisional polo Pleno municipal

O grupo nacionalista de Portas presentou o 31 de outubro no rexistro do concello unha moción para reclamar un novo "trámite de información pública" do PXOM con anterioridade á aprobación provisional polo Pleno municipal.

O apartado 8 do artigo 85º (Procedemento de aprobación do plan xeral) da lei 9/2002 de Ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia di: No caso de que pretendan introducirse, no momento da aprobación provisional polo pleno municipal, modificacións que signifiquen un cambio substancial do documento inicialmente aprobado, pola adopción de novos criterios respecto da clasificación e cualificación do solo, ou en relación coa estrutura xeral e orgánica do territorio, abrirase un novo trámite de información pública con anterioridade ao referido acordo do pleno municipal e da remisión da documentación oportuna á consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva”.

O documento do PXOM foi modificado substancialmente trala aprobación inicial. Entre os cambios máis representativos pódense enumerar os seguintes:
  • modificación completa na clasificación e cualificación do solo, así como tipoloxías edificatorias permitidas, na zona da Estación-Azucreira (Portas),
  • modificación na clasificación e cualificación do solo na zona de Couto-Costa (Romai), coa eliminación do solo urbanizable non delimitado de uso industrial SUND-01,
  • modificación do tamaño mínimo de parcela no solo de núcleo rural común e de núcleo rural histórico-tradicional, ou
  • modificación das delimitacións da maioría dos núcleos rurais.

A pesares dos múltiples cambios, non se corrixiron moitos dos numerosos erros detectados e denunciados na cartografía, no parcelario, no catálogo de patrimonio ou nos diferentes documentos que integran o PXOM. Tamén se persiste na falta de coordinación cos procesos de concentración parcelaria nas parroquias de Briallos e Romai.

O grupo municipal do BNG considera que, á vista dos numerosos e profundos cambios habidos no documento de PXOM dende a súa aprobación inicial, é necesario un novo trámite de exposición pública, especialmente tendo en conta a falta de participación veciñal durante o proceso de elaboración do PXOM por intención expresa do goberno municipal. De non abrirse un novo trámite de información pública estaríase a causar desprotección nos veciños e veciñas que observan indefensos como o documento exposto publicamente non ten parecido algún co que se pretende aprobar provisionalmente.

O grupo nacionalista de Portas demanda ao Pleno municipal a abrir un novo trámite de información pública do PXOM con anterioridade á aprobación provisional.


Moción para reclamar unha reunión informativa do Pleno municipal co equipo redactor do PXOM

O grupo nacionalista de Portas presentou o venres 31 de outubro no rexistro do concello unha moción para reclamar unha reunión informativa do Pleno municipal co equipo redactor do PXOM.

En novembro de 2008 a Consellería de Política Territorial sacou a licitación os traballos para realizar o primeiro plan xeral de Portas. A empresa adxudicataria foi “Oficina de Arquitectura, Urbanismo y Planificación” (OAU), en diante “equipo redactor”, asinándose o contrato na Casa do Concello de Portas o 12 de marzo de 2009. O prazo de execución máximo estableceuse en 38 meses.

Entre marzo de 2009 e agosto de 2014 foron numerosas as ocasións en que o grupo municipal do BNG solicitou nas sesións ordinarias do Pleno municipal manter unha reunión informativa entre todos os grupos municipais con responsables do equipo redactor para coñecer os procedementos de traballo e ter información de primeira man sobre o proceso de elaboración do PXOM.

O grupo de goberno vetou e veta toda posibilidade de reunión entre os grupos da oposición e o equipo redactor, mostrando a súa faciana máis antidemocrática.

O grupo nacionalista de Portas reclama ao Pleno municipal a instar a responsables da empresa OAU (Oficina de Arquitectura, Urbanismo y Planificación) a manter unha reunión informativa co Pleno municipal durante o mes de novembro de 2014.