2 de out. de 2014

O BNG esixe información e un novo período de exposición pública

O Goberno Municipal como "polo sen cabeza" co PXOM

Dende que en novembro de 2008 a consellería de Política Territorial do goberno de Touriño sacara a licitación os traballos de redacción do primeiro plan xeral de Portas, o BNG ven demandando manter unha reunión de toda a corporación co equipo redactor, a última ocasión formal foi no pleno do pasado mes de agosto, sen embargo, nunca se chegou a producir ante a negativa expresa do alcalde. Na máis pura ditadura democrática, para o rexedor non é suficiente con impor o seu criterio senón que nega toda posibilidade de información, diálogo ou debate.
Postos en contacto directamente co equipo redactor, este tamén se negou a manter unha reunión. Mentres ao grupo municipal do BNG se lle nega a información, demostrando pouco respecto polos veciños e veciñas que representa, observamos estupefactos como o equipo redactor si se reúne en varias ocasións cos propietarios de terreos na Estación-Azucreira.
No informe sobre as alegacións ao PXOM que o equipo redactor entregou no concello en xuño pasado sorprende que se chegue a cualificar as alegacións do BNG como documentos faltos de rigor por non aportar datos concretos dos erros denunciados, cando o documento polo que o equipo redactor leva cobrados case 100.000€ está cheo de erros, cando non mentiras, como por exemplo que houbo participación veciñal, que hai 10 cemiterios en Portas, que hai afeccións polo corredor de AVE Ourense-Vigo, que as fichas dos núcleos ou o catálogo de patrimonio non concordan coa realidade, que os cifras non coincidan entre os distintos anexos, … ou aparezan afirmacións maliciosas como que o río Umia “non representa ningún risco de inundación a día de hoxe ó atoparse embalsado” cando de sobra son coñecidos os desbordes habituais. Quizais a intención do equipo redactor sexa que a oposición faga o traballo polo que eles cobran, ou que revise o que o goberno municipal non revisa antes de dar orde de pago.
O PXOM modificado coas alegacións veciñais nada ten que ver co que se expuxo publicamente. Desaparecen os edificios na Estación-Azucreira, elimínase o polígono industrial na Costa-Tarrío, redúcese o tamaño mínimo de parcela nos núcleos rurais,… Polo tanto, o BNG considera absolutamente necesario un novo período de exposición pública e de alegacións.
Nos 22 anos de alcaldía de Roberto Vázquez (20 no PP) nunca tivo interese por regular o urbanismo porque iso lle reportaba réditos electorais, sen embargo, agora mostra unhas présas desmedidas por aprobar un PXOM antes das vindeiras eleccións municipais, aínda que como el mesmo afirma, sexa un mal PXOM.
Non houbo participación veciñal, non houbo diálogo coa oposición, ocultouse información, o rolo da maioría absoluta esmagou as voces críticas e no cumio do despropósito, o alcalde presentou alegacións ao documento que el mesmo impuxo. E agora, ante a masiva presentación de alegacións e as protestas veciñais recúa como polo sen cabeza, prometendo o que ten e o que non ten ante a proximidade das eleccións.

O grupo nacionalista de Portas demanda un novo período de exposición pública e unha reunión co equipo redactor para tratar de poñer un mínimo de orde no proceso de elaboración do PXOM.