3 de xuño de 2014

Moción do BNG reclamando a gratuidade dos libros de texto e demais material curricular

O grupo nacionalista de Portas presentará mañá no rexistro do concello unha moción para denunciar o forte recorte nas axudas á adquisición de material escolar por parte da Consellería de Educación para o vindeiro curso académico, tal e coma se manifesta na Orde do pasado 28 de maio. Se nos anos anteriores as axudas estaban destinadas a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario, desta volta unicamente se permite a adquisición de libros de texto.

Obrigando ás familias, que pola súa situación económica reúnen os requisitos para percibir unha axuda (en Portas o paro alcanza o 50%), a asumir este vindeiro curso o custo económico da compra de dicionarios, cadernos de traballo, libros de lectura, ...

Esta Orde do 28 de maio pon en evidencia o fracaso da política educativa do Sr. Núñez Feijóo nos seus anos de goberno. Argumenta falsamente cando usa a desculpa da crise para cambiar o sistema de préstamo de libros do goberno bipartito, por un que supuxo un maior custo económico, beneficiando a un número menor de familias. Agora volve retomar a idea do banco de libros que no seu día rexeitou.

Estamos claramente diante doutro paso mais na política de empobrecemento sistemático das familias por parte dos gobernos central e galego, facéndonos responsables e pagadores dun malgasto de cartos do que son culpables e, veces abondo, beneficiarios.

O grupo nacionalista de Portas demanda ao Pleno Municipal a instar á Xunta de Galiza a garantir a gratuidade dos libros de texto e do material curricular no vindeiro curso académico.