22 de abr. de 2014

Pleno ordinario

O venres 25 de abril de 2014 ás 14:50 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:


  1. Lectura e aprobación acta sesión anterior.
  2. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
  3. Rogos e preguntas.


Novamente lamentamos que por vontade do grupo de goberno os plenos ordinarios se teñan convertido en actos totalmente intrascendentes e baleiros de contido, malgastando os cartos dos contribuíntes e desprezando a labor da oposición.

O BNG presentou en tempo e forma unha moción en apoio á ILP da CIG de medidas para a creación de emprego en Galiza, pero non foi incluída na orde do día, demostrando unha vez máis que o uso abusivo da maioría absoluta converte a democracia nunha ditadura.


Moción da CIG sobre Proposición de Lei, por Iniciativa Lexislativa Popular (ILP), de medidas para a creación de emprego en Galiza

O grupo municipal do BNG de Portas ven de presentar no rexistro do concello unha moción sobre a proposición de lei, por Iniciativa Lexislativa Popular, de medidas para a creación de emprego en Galiza.
O texto da moción é o seguinte:

"MOCIÓN SOBRE PROPOSICIÓN DE LEI, POR INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR, DE MEDIDAS PARA A CREACIÓN DE EMPREGO EN GALIZA

A abaixo asinante María Teresa Rivas Buceta, concelleira do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Portas, ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte MOCIÓN para o seu debate e posterior aprobación, se procede, polo Pleno Municipal,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Desde o inicio da crise, diferentes movementos sociais están a defender todo un conxunto de propostas alternativas, orientadas a unha saída favorábel á clase traballadora galega e feita desde unha perspectiva de defensa dos intereses nacionais de Galiza, convencidos de que todas estas políticas de concentración e centralización da riqueza e do poder, aínda afonda moito máis no carácter colonial e periférico do noso país. Só desde alternativas feitas en función da nosa propia realidade social e económica, de reforzamento do noso autogoberno, da capacidade de decidir libremente en todas as materias, poderemos ofrecer alternativas que sirvan aos intereses das nosas clases traballadoras e que garantan un reparto equitativo da riqueza.

A central sindical Confederación Intersindical Galega (CIG) está a impulsar unha proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular, con máis de cen medidas para a creación de emprego en Galiza. Na súa exposición de motivos da proposición de lei sinala o seguinte:

As medidas contidas nesta Lei axudarán a sentar as bases para un desenvolvemento económico e social máis sustentábel e suporían un aumento do emprego e unha mellora de dereitos sociais e da calidade de vida da maioría da poboación. A través doutra política fiscal, do incremento do gasto social e do investimento público, da creación de entidades financeiras públicas ao servizo da cidadanía e do noso tecido produtivo, de políticas que favorezan o emprego estábel, uns salarios dignos e postos de traballo en Galiza, contribuiremos a construír unha sociedade galega máis democrática, xusta, solidaria e humanizada, sustento da nosa identidade como pobo e piar da soberanía nacional á que aspiramos.

Outras vías son posíbeis e poden ser aplicadas. En primeiro lugar, a pesar de que a Xunta de Galiza e o Estado non poden utilizar a política monetaria, competencia exclusiva do Banco Central Europeo, si poden esixir que o dito banco compre débeda pública directamente aos Estados e CC.AA., así como usar a súa capacidade regulamentaria da actividade económica e os orzamentos públicos para tomar medidas extraordinarias en tempo de crise, xerando actividade económica directa en infraestruturas e servizos públicos, apoiando actividades económicas produtivas en sectores e unidades de produción directamente vinculadas á actividade económica e promovendo con capital público empresas en sectores estratéxicos da economía. É tempo de reivindicarmos a importancia social do público fronte ao privado, como forma de reactivar e incidir na orientación da economía en beneficio da maioría social e de garantir, en condicións dignas para toda a poboación, dereitos básicos como o ensino, a saúde, a enerxía, a pensión, a vivenda, o traballo ou a comunicación. Hai que rachar coas actuais políticas de recortes do investimento público, promovidas pola UE e o FMI, por non favoreceren a saída da crise, por seren contrarias á creación de emprego e por provocaren o empobrecemento e a exclusión social en amplos sectores da sociedade.

Galiza necesita autogobernarse, decidir sobre todo aquilo que precise para o seu libre desenvolvemento e para mellor defensa dos intereses da clase traballadora galega. Mantemos viva a reivindicación e a loita pola soberanía nacional porque consideramos que o actual marco xurídico, imposto pola Constitución e o Estatuto de Autonomía, é claramente insuficiente naquelas materias que máis afectan a traballadores e traballadoras. A Xunta de Galiza ten que asumir un papel activo na reivindicación, non só de todas as transferencias pendentes de desenvolver, senón de todas aquelas necesarias para un desenvolvemento económico e social do país, propio, integral e autocentrado, particularmente a capacidade lexislativa en materia de emprego, laboral, protección social, industrial, pesqueira, agraria, así como en política fiscal e financeira.

Galiza tivo tradicionalmente, e segue a ter, un grave problema para o seu desenvolvemento industrial e económico, que ten a ver coa relación de carácter colonial que mantén co Estado español, o que se transforma, por unha banda, en falta de competencias reais para definir o noso modelo económico, industrial e produtivo, e por outra, en que ese modelo sempre foi deseñado en función dos intereses de España e da oligarquía española e na actualidade en función dos intereses das grandes potencias económicas da UE e do seu capital financeiro. Isto implicou a existencia dun tecido industrial pouco desenvolvido, a presenza de moita industria de enclave, a destrución do noso sector primario e mesmo industrial en función de decisións tomadas polos gobernos españois ou pola UE, a apropiación por capital foráneo do noso excedente económico e un paro de carácter estrutural, maquillado na súa contía pola sangría da emigración.

Sectores como o naval, o agrogandeiro, o pesqueiro, o enerxético, o financeiro, etc., cun peso moi importante na nosa economía e básicos para o noso desenvolvemento económico e social, vense permanentemente limitados e reducidos no seu desenvolvemento como consecuencia de políticas do Goberno español e da UE, feitas desde a visión do centro do sistema e en función dos intereses dos estados e dos grupos económicos que controlan as políticas e as institucións europeas.

Nesta situación de crise, cunha forte caída do consumo e forte competencia exterior, é difícil que a iniciativa privada por si soa cree as condicións necesarias para saír desta, polo que lle corresponde ao sector público actuar como axente económico dinamizador. Cómpre, neste escenario, apostarmos firmemente por revitalizar o tecido produtivo e crear as condicións para xerar emprego, empezando por exixir do Goberno galego que rache coa súa política, de pasividade nuns casos e de complicidade noutros, diante da desfeita da base material do noso país, e non siga polo tanto contribuíndo coa súa actitude a acentuar o carácter dependente de Galiza e o seu papel de reserva de man de obra barata e de fonte de materias primas e de recursos económicos para o capital financeiro español.

Polo demais, calquera acordo en materia económica e de emprego, ten que basearse nun marco que abandone o paradigma económico neoliberal e asentarse nun cambio estrutural que conduza á organización e desenvolvemento dunha economía baseada no traballo produtivo e o papel regulador e estabilizador do sector público, para asegurar un desenvolvemento sustentábel, así como un reparto equitativo e xusto da riqueza.

É por isto que presenta esta moción e solicita o voto favorable do Pleno da Corporación municipal de Portas para a adopción do seguinte ACORDO:
  1. Manifestar o apoio da Corporación Municipal á proposición de lei de medidas para a creación de emprego en Galiza que está a impulsar por iniciativa lexislativa popular a Confederación Intersindical Galega e dar traslado do mesmo á presidencia do Parlamento de Galiza, portavoces parlamentares e presidente da Xunta de Galiza.
  2. Animar á veciñanza do noso concello a apoiar esta iniciativa lexislativa popular.".