18/12/2013

Pleno Extraordinario para analizar o PXOM de Portas

O BNG solicitará paralizar a tramitación do PXOM

O grupo municipal do BNG de Portas ven de presentar no rexistro do concello a solicitude dunha reunión extraordinaria do pleno da corporación para analizar en profundidade o proceso de tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Nos case cinco anos que o equipo redactor leva traballando no PXOM dende que se asinara o contrato en marzo de 2009 non houbo ningún tipo de participación da cidadanía na redacción do PXOM. A pesares das múltiples promesas do grupo de goberno (ex-PP), nin houbo reunións cos veciños nin coa oposición.
As consecuencias son un documento totalmente afastado das necesidades e intereses dos veciños e veciñas, ademais de estar repleto de erros e deficiencias. O cúmulo de erros é tan grande que xa sería motivo máis que suficiente para invalidar un documento técnico de tanta importancia na vida da xente.

O BNG solicitará no Pleno Extraordinario a paralización da tramitación do PXOM, a retirada do documento aprobado inicialmente e proceder a iniciar un proceso de participación real da cidadanía que permita definir o modelo de crecemento que realmente queren e precisan os veciños e veciñas de Portas.