12 de dec. de 2013

Alegacións conta a aprobación provisional da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do Servizo de Recollida de Residuos Sólidos Urbanos, Tratamento e Eliminación dos mesmos

O grupo municipal do BNG de Portas presentou hoxe, 12 de decembro, no rexistro do concello alegacións en contra da aprobación provisional da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do Servizo de Recollida de Residuos Sólidos Urbanos, Tratamento e Eliminación dos mesmos.


Entendemos lesiva esta ordenanza aos intereses dos veciños e veciñas do concello de Portas polas seguintes razóns:

  1. A taxa para as vivendas é indiscriminada sen atender á capacidade económica das familias.
  2. Os prezos son moi superiores aos de concellos limítrofes e cun servizo de peor calidade.
  3. O prezo para as vivendas non se axusta ao servizo prestado en comparación con calquera dos concellos da comarca polo que debe reducirse considerablemente.
  4. O único lixo que se pode depositar nos colectores municipais son residuos domésticos ou asimilables (residuos sólidos urbanos). As actividades económicas que produzan residuos que non sexan asimilables aos domésticos teñen a obriga legal de contratar os servizos de empresas especializadas para o tratamento e retirada dos mesmos. O concello non pode cobrar unha taxa municipal por un servizo que non presta (recollida de residuos industriais, residuos perigosos, aceites usados, pilas, pinturas, …). Os prezos propostos na Ordenanza non se xustifican pola recollida e tratamento de residuos domésticos, que son os únicos que se poden depositar nos colectores municipais. Os prezos aplicables a actividades económicas deben reducirse a valores moi inferiores.
  5. Segundo informou o señor Alcalde no Pleno do pasado 25 de outubro, a pretensión inicial do grupo de goberno era baixar as taxas nunha porcentaxe maior respecto dos prezos en vigor, pero que non se puido levar a cabo debido ao anuncio de incremento nun 34% no prezo dos servizos prestados por Sogama. Dado que este incremento se aprazou ata marzo ou abril de 2014, o mantemento dos prezos de Sogama debe repercutir á baixa nos prezos da taxa municipal
E solicitamos a modificación da ordenanza para que se teñan en conta ditas alegacións, reducindo os prezos da mesma.