1 de ago. de 2013

Pleno extraordinario para aprobación inicial do PXOM

O Grupo de Goberno búrlase da cidadanía impoñendo un documento sen participación veciñal

Mañá venres 2 de agosto ás 14:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do concello de Portas para proceder á aprobación inicial do PXOM.
Os traballos de redacción do PXOM iniciáronse en marzo de 2009 coa sinatura do contrato entre o concello e a empresa OAU (Oficina de Arquitectura y Urbanismo). Dende entón nin empresa nin concello mantiveron o máis mínimo contacto coa oposición con motivo do PXOM ata o pasado mércores 24 de xullo en que se nos convocou, con menos de 24 horas de antelación, para presentarnos un documento rematado e pechado.
Foron múltiples as ocasións en que o goberno municipal e o equipo redactor prometeron diálogo e participación veciñal, e foron múltiples as ocasións nas que o BNG solicitou reunións entre o equipo redactor e a corporación municipal, sen embargo, tanto equipo de goberno como equipo redactor se negaron.
Esta forma de actuar mostra por unha banda a actitude antidemocrática do grupo de goberno pero por outra unha falta de profesionalidade por parte do equipo redactor.
Roberto Vázquez e o seu grupo de concelleiros, dimisionarios do PP, nun acto de perversión e burla do sistema democrático, confundindo maioría absoluta con ditadura, tratan de impoñer un documento redactado no máis absoluto secretismo, obscurantismo e depotismo que marcará o desenvolvemento do concello nos próximos 30 ou 40 anos.
As caixas cos documentos do PXOM foron depositadas no concello o pasado mércores 24 de xullo, sen ningún tipo de previo coñecemento da oposición, e seis días laborables despois pretenden aprobalo inicialmente. O grupo de goberno pretende que a oposición estude e valore un documento enormemente extenso e complexo que tardaron 52 meses en redactarse en tan só seis días laborables, podendo só consultalo no concello e en horario de mañá, e para mais dano en datas vacacionais.

O Bloque Nacionalista Galego rexeita categoricamente nas formas e no fondo a proposta de PXOM e oporase con todos os seus medios dispoñibles ao que considera unha burla, un insulto e un atropelo aos veciños e veciñas de Portas.