24 de xan. de 2013

O BNG reclama a reparación urxente da pontella entre Portas e Arcos da Condesa

O alcalde "reprende" pero non asume a súa responsabilidade

Nos últimos días fíxose público que o alcalde de Portas “reprendeu” ao seu homólogo de Caldas de Reis por pechar ao tráfico rodado unha pontella (que pertence a Caldas de Reis) que cruza o río Chaín e que comunica as parroquias de Portas e Arcos da Condesa.

O BNG quere lembrar que hai catro anos, o 21 de febreiro de 2009, xa presentara unha moción no concello de Portas na que denunciaba o deterioro da pontella e esixía a reparación urxente da mesma. A moción foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario celebrado o 24 de febreiro de 2009.
Roberto Vázquez comprometérase a buscar unha solución e a trasladarlle a problemática da pontella a Augas de Galicia e ao concello de Caldas de Reis. Dende entón, nin a pontella foi reparada, nin o alcalde cumpriu os seus compromisos, subestimando o problema.
Roberto Vázquez non asumiu as súas responsabilidades e agora pretende trasladarlle as consecuencias da súa inacción aos demais.
A pontella ameaza ruína e a pista que comunica a Rapeira con Arcos está en estado lamentable. Pontella e pista necesitan unha reparación urxente.

O Bloque Nacionalista Galego esixe que se repare de forma urxente a pontella sobre o río Chaín, e pídelle ao alcalde de Portas que traballe en beneficio dos veciños e veciñas sen trasladar aos demais as súas responsabilidades.

Foto tirada o 20/1/2013. Apréciase o afundimento do piar dereito.
Foto tirada o 20/1/2013. Apréciase o afundimento das lousas da dereita.
Foto tirada o 20/1/2013. Apréciase o afundimento das lousas na marxe esquerda.