30 de dec. de 2013

Pleno Extraordinario

O venres 3 de xaneiro ás 13:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello a petición do grupo municipal do BNG coa seguinte orde do día:

1. Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O BNG solicitará no Pleno Extraordinario a paralización da tramitación do PXOM, a retirada do documento aprobado inicialmente e proceder a iniciar un proceso de participación real da cidadanía que permita definir o modelo de crecemento que realmente queren e precisan os veciños e veciñas de Portas.


Acude como público. Faite oír!

23 de dec. de 2013

Pleno ordinario

O venres 27 de decembro de 2013 ás 14:50h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Expediente recoñecemento extraxudicial de crédito.
3. Alegación contra a aprobación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de resíduos sólidos urbanos, tratamento e eliminación dos mesmos.
4. Aprobación definitiva ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de resíduos sólidos urbanos, tratamento e eliminación dos mesmos, se procede.
5. Informes da Alcaldía.
6. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
7. Rogos e preguntas.

18 de dec. de 2013

Pleno Extraordinario para analizar o PXOM de Portas

O BNG solicitará paralizar a tramitación do PXOM

O grupo municipal do BNG de Portas ven de presentar no rexistro do concello a solicitude dunha reunión extraordinaria do pleno da corporación para analizar en profundidade o proceso de tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Nos case cinco anos que o equipo redactor leva traballando no PXOM dende que se asinara o contrato en marzo de 2009 non houbo ningún tipo de participación da cidadanía na redacción do PXOM. A pesares das múltiples promesas do grupo de goberno (ex-PP), nin houbo reunións cos veciños nin coa oposición.
As consecuencias son un documento totalmente afastado das necesidades e intereses dos veciños e veciñas, ademais de estar repleto de erros e deficiencias. O cúmulo de erros é tan grande que xa sería motivo máis que suficiente para invalidar un documento técnico de tanta importancia na vida da xente.

O BNG solicitará no Pleno Extraordinario a paralización da tramitación do PXOM, a retirada do documento aprobado inicialmente e proceder a iniciar un proceso de participación real da cidadanía que permita definir o modelo de crecemento que realmente queren e precisan os veciños e veciñas de Portas.




16 de dec. de 2013

Alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal

O grupo municipal do BNG de Portas presentou hoxe, 16 de decembro, no rexistro do concello alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Presentamos catro documentos independentes, centrados cada un deles nos principais problemas que o BNG considera que manifesta a proposta de PXOM que quere impoñer o grupo de goberno (ex-PP):

  1. Proceso de elaboración do PXOM: non houbo ningún tipo de participación veciñal no proceso de redacción e tramitación do PXOM e hai unha cantidade desproporcionada de erros na cartografía, o parcelario e a propia redacción da documentación, o cal se debe en gran parte á ausencia de participación dos veciños que terían evitado e corrixido moitos dos erros que agora invalidan un documento impropio dun traballo que se supón técnico. Na alegación solicítase corrixir a cartografía, o parcelario, o catálogo de patrimonio e os documentos integrantes do PXOM, así como a eliminación de falsidades e opinións interesadas ou tendenciosas.
  2. Núcleos rurais: o concello de Portas é totalmente rural (o único ascensor que existe no concello está nun miradoiro nunha cheminea) e en lugar de potenciar os núcleos rurais que é a forma de asentamento propia do concello, forzan a súa redución para concentrar a edificabilidade na zona da Estación-Azucreira. Solicítase potenciar os núcleos rurais, considerar distintos tamaños de parcela mínima en función do núcleo a considerar e aumentar a edificabilidade mentras o permitan os límites legais de consolidación, que están moi lexos de ser acadados.
  3. Zona urbana: o PXOM pretende crear artificialmente unha zona urbana e urbanizable, a costa da terra e os cartos dos propietarios, e en prexuizo do resto do concello ao reducirse a edificabilidade nos núcleos. Fundamentalmente, solicítase transformar o solo urbanizable da Estación en núcleo rural común.
  4. Polígonos industriais: o PXOM pretende crear dous polígonos industriais que o BNG entende están situados en lugares inadecuados. Solicítase eliminar os dous polígonos industriais.


Os documentos son os seguintes:

12 de dec. de 2013

Alegacións conta a aprobación provisional da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do Servizo de Recollida de Residuos Sólidos Urbanos, Tratamento e Eliminación dos mesmos

O grupo municipal do BNG de Portas presentou hoxe, 12 de decembro, no rexistro do concello alegacións en contra da aprobación provisional da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do Servizo de Recollida de Residuos Sólidos Urbanos, Tratamento e Eliminación dos mesmos.


Entendemos lesiva esta ordenanza aos intereses dos veciños e veciñas do concello de Portas polas seguintes razóns:

  1. A taxa para as vivendas é indiscriminada sen atender á capacidade económica das familias.
  2. Os prezos son moi superiores aos de concellos limítrofes e cun servizo de peor calidade.
  3. O prezo para as vivendas non se axusta ao servizo prestado en comparación con calquera dos concellos da comarca polo que debe reducirse considerablemente.
  4. O único lixo que se pode depositar nos colectores municipais son residuos domésticos ou asimilables (residuos sólidos urbanos). As actividades económicas que produzan residuos que non sexan asimilables aos domésticos teñen a obriga legal de contratar os servizos de empresas especializadas para o tratamento e retirada dos mesmos. O concello non pode cobrar unha taxa municipal por un servizo que non presta (recollida de residuos industriais, residuos perigosos, aceites usados, pilas, pinturas, …). Os prezos propostos na Ordenanza non se xustifican pola recollida e tratamento de residuos domésticos, que son os únicos que se poden depositar nos colectores municipais. Os prezos aplicables a actividades económicas deben reducirse a valores moi inferiores.
  5. Segundo informou o señor Alcalde no Pleno do pasado 25 de outubro, a pretensión inicial do grupo de goberno era baixar as taxas nunha porcentaxe maior respecto dos prezos en vigor, pero que non se puido levar a cabo debido ao anuncio de incremento nun 34% no prezo dos servizos prestados por Sogama. Dado que este incremento se aprazou ata marzo ou abril de 2014, o mantemento dos prezos de Sogama debe repercutir á baixa nos prezos da taxa municipal
E solicitamos a modificación da ordenanza para que se teñan en conta ditas alegacións, reducindo os prezos da mesma.


4 de dec. de 2013

Convocatoria da asemblea local de Portas

O sábado 7 de decembro ás 20:00 h. celebrarase unha asemblea no local da antiga cámara agraria de Portas.

Asuntos a tratar:
- Alegacións ao PXOM.
- Medidas a adoptar polo grupo en contra do PXOM.
- Alegacións contra a Ordenanza de recollida e tratamento do lixo.
- Comedor escolar.
- Outros.

Rógase asistencia e puntualidade.

Como sempre, están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

Lembramos que temos á venta lotería de nadal.