22 de out. de 2013

Moción do BNG solicitando a derrogación do Decreto de Comedores da Xunta de Galiza

O grupo municipal do BNG de Portas ven de presentar no rexistro do concello unha moción para solicitar a derrogación do Decreto 132/2013, do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos.

O texto da moción é o seguinte:

"MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO DE PORTAS SOBRE O DECRETO DE COMEDORES.


Conforme ao previsto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego do Concello de Portas desexa someter á consideración do Pleno a seguinte MOCIÓN, en base a seguinte

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Co Decreto do 1 de agosto do 2013, o goberno da Xunta de Galiza deu a coñecer un novo recorte no dereito á educación dos galegos e galegas cunha medida que afecta directamente ao alumnado do noso concello e do resto do rural galego. O goberno do PP  establece a ampliación dunha forma abusiva do copago do servizo de comedor escolar. Un servizo ao que, cun custo reducido, os nenos e nenas de Portas que viven a máis de 2 Km do colexio teñen dereito por seren usuarios do transporte escolar, servizo que, a cambio, no remate das clases ao mediodía non se lles proporciona.
Porén, co novo decreto, se lles retira aos nenos e nenas de Portas ese dereito a un custo reducido e se lles nega asemade a posibilidade de seren transportados no remate das clases da mañá. Sufrindo sí unha grave discriminación con respecto aos nenos e nenas das cidades galegas, que poden elixir entre transporte e comedor.
Esta decisión , así mesmo, carga sobre as precarias economías das familias a obriga de facer fronte ao pago dunha parte importante deste servizo. Un servizo necesario  para garantir un dereito fundamental como é o Dereito á Educación que, con esta imposición do goberno de Núñez Feijoo, vén a deteriorar o ensino público no que respecta ao servizo de comedores escolares.
Esta actuación do actual goberno da Xunta de Galiza evidencia a súa despreocupación polo ensino público, provocando o seu deterioro polos sucesivos recortes dos últimos anos: recortes no número de profesores e profesoras; recortes nos orzamentos dos centros;  recortes nas axudas para libros, nas axudas para bibliotecas, atrasos nas transferencias económicas para comedores escolares, recorte no servizo de comedores, empeoramento das condicións socio-laborais do profesorado, recortes nos servizos de normalización lingüística e unha longa cadea de despropósitos que deterioran un servizo público básico da sociedade.
Pola contra, todos estes recortes no ensino público contrastan cos 240 millóns de subvención ao ensino concertado, cos 3 millóns de euros de subvención para centros que segregan ao alumnado por razón de xénero e que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou ilegal.

Polo exposto, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego somete á consideración do Pleno esta MOCIÓN, para que este adopte o seguinte ACORDO:

Instar á Xunta de Galicia: A derrogar o Decreto 132/2013, do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da consellería con competencias en materia de educación".

Ningún comentario: