26 de ago. de 2013

Pleno ordinario

O venres 30 de agosto de 2013 ás 14:50h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:

1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Portas.
3. Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de axuda no fogar do Concello de Portas.
4. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
5. Rogos e preguntas.

O BNG de Portas presentará batalla e oporase na medida das súas posibilidades a que se consume a estafa á cidadanía que o equipo de goberno quere levar adiante coa aprobación inicial do PXOM.

1 de ago. de 2013

Pleno extraordinario para aprobación inicial do PXOM

O Grupo de Goberno búrlase da cidadanía impoñendo un documento sen participación veciñal

Mañá venres 2 de agosto ás 14:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do concello de Portas para proceder á aprobación inicial do PXOM.
Os traballos de redacción do PXOM iniciáronse en marzo de 2009 coa sinatura do contrato entre o concello e a empresa OAU (Oficina de Arquitectura y Urbanismo). Dende entón nin empresa nin concello mantiveron o máis mínimo contacto coa oposición con motivo do PXOM ata o pasado mércores 24 de xullo en que se nos convocou, con menos de 24 horas de antelación, para presentarnos un documento rematado e pechado.
Foron múltiples as ocasións en que o goberno municipal e o equipo redactor prometeron diálogo e participación veciñal, e foron múltiples as ocasións nas que o BNG solicitou reunións entre o equipo redactor e a corporación municipal, sen embargo, tanto equipo de goberno como equipo redactor se negaron.
Esta forma de actuar mostra por unha banda a actitude antidemocrática do grupo de goberno pero por outra unha falta de profesionalidade por parte do equipo redactor.
Roberto Vázquez e o seu grupo de concelleiros, dimisionarios do PP, nun acto de perversión e burla do sistema democrático, confundindo maioría absoluta con ditadura, tratan de impoñer un documento redactado no máis absoluto secretismo, obscurantismo e depotismo que marcará o desenvolvemento do concello nos próximos 30 ou 40 anos.
As caixas cos documentos do PXOM foron depositadas no concello o pasado mércores 24 de xullo, sen ningún tipo de previo coñecemento da oposición, e seis días laborables despois pretenden aprobalo inicialmente. O grupo de goberno pretende que a oposición estude e valore un documento enormemente extenso e complexo que tardaron 52 meses en redactarse en tan só seis días laborables, podendo só consultalo no concello e en horario de mañá, e para mais dano en datas vacacionais.

O Bloque Nacionalista Galego rexeita categoricamente nas formas e no fondo a proposta de PXOM e oporase con todos os seus medios dispoñibles ao que considera unha burla, un insulto e un atropelo aos veciños e veciñas de Portas.