22 de nov. de 2012

O BNG reclama modificar as ordenanzas fiscais

As novas taxas municipais provocan indignación

Nas últimas semanas os veciños e veciñas de Portas están recibindo nos seus domicilios os avisos de cobro correspondentes ao primeiro semestre de 2012 das taxas polo abastecemento de auga e a recollida de lixo. Estes recibos reflicten por primeira vez as modificacións das ordenanzas fiscais aprobadas o pasado mes de decembro polo goberno municipal, por aquel entón aínda do Partido Popular. No seu día, o goberno municipal rexeitou as alegacións dos veciños e veciñas a pesares de ir acompañadas de máis de 700 sinaturas e agora a indignación é masiva.
O BNG opúxose ao incremento das taxas municipais por consideralo desproporcionado, indiscriminado e inxusto. Desproporcionado por supor incrementos do 1700% en moitos casos, indiscriminado por non ter en conta a situación económica particular das familias ou o tamaño das empresas e inxusto porque fai recaer nos veciños e veciñas de Portas as consecuencias dos excesos e a mala xestión do goberno municipal nos últimos vinte anos.
As novas taxas municipais son un auténtico espolio aos emprendedores e emprendedoras de Portas, que sofren indignados unhas taxas que son moi superiores ás dos concellos do entorno.

O Bloque Nacionalista Galego esixe que se modifiquen de forma urxente as ordenanzas fiscais reguladoras das taxas municipais para adaptalas á realidade social e económica do concello, e para acadar este obxectivo, adoptará todas as medidas que estean ao seu alcance.