23/10/2012

Moción do BNG sobre a xestión e administración da web e a páxina de Facebook do concello de Portas


O grupo municipal do BNg ven de presentar unha moción no rexistro do concello de Portas sobre a xestión e administración da web e a páxina de Facebook do concello de Portas.

O grupo municipal do BNG considera que as novas tecnoloxías proporcionan ferramentas moi útiles para transmitir información, facilitando a comunicación cos veciños e veciñas de Portas e simplificando as xestións municipais. Entre estas ferramentas atópanse a internet e as redes sociais, sen embargo, o uso que destas ferramentas fai o concello é escaso ou case nulo, a pesares de dispor de páxina web (www.portas.es) e de páxina de Facebook (www.facebook.com/ConcellodePortas).

Tamén en numerosas ocasións o grupo municipal do BNG preguntou nos plenos ordinarios da corporación (no punto da orde do día de “rogos e preguntas”) que persoa ou persoas administraban estes sitios webs, non obtendo contestación por parte do grupo de goberno en ningunha ocasión.

Así mesmo, o grupo municipal do BNG observa con incredulidade que no “muro” da páxina de Facebook do Concello de Portas se “filtran” e borran entradas ou comentarios de forma selectiva facendo un uso partidista dos recursos propios do concello de Portas.


Moción do BNG para solicitar a remisión das actas da Xunta de Goberno

O grupo municipal do BNG de Portas ven de presentar no rexistro do concello unha moción para solicitar a remisión das actas da xunta de goberno no prazo que establece o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais.

O goberno municipal do Concello de Portas incumpre sistematicamente a normativa de obrigado cumprimento, entregando as copias das actas das sesións da Xunta de Goberno fóra do prazo establecido, impedindo de xeito efectivo o traballo de fiscalización da oposición.

O grupo municipal do BNG esixiu o cumprimento da legalidade en innumerables ocasións nos plenos ordinarios dos últimos 5 anos no punto da orde do día de “rogos e preguntas” pero con nulo éxito. Igualmente, o grupo municipal do BNG chegou a solicitar dous plenos extraordinarios (22 de setembro de 2008 e 28 de maio de 2009) tratando explicitamente este asunto. En ambas ocasións aprobouse por unanimidade a remisión das copias das actas da Xunta de Goberno en menos de 10 días dende a súa celebración, sen embargo, o resultado obxectivo é que non se cumpren os acordos plenarios pola nula disposición do goberno municipal. Incluso o grupo municipal do BNG tivo que chegar a demandar o cumprimento da legalidade ante o valedor do pobo, que concluíu en “lembrar ao Concello o deber legal de respectar os prazos establecidos para remitir aos concelleiros a devandita documentación”.
Todos os anteriores intentos de esixir que o goberno municipal cumprira a legalidade foron infrutuosos, e de feito as demoras son cada vez maiores e máis habituais.

A día de hoxe o grupo municipal do BNG leva sen recibir as actas da xunta de goberno dende hai máis de 4 meses.