30 de xuño de 2012

Noticia do xornal La Voz de Galicia: "O alcalde de Portas queda só"

La Voz de Galicia, 20 de xuño de 2012

Ao asumir un delito fiscal, podería verse obrigado a dimitir
O alcalde de Portas, no 2007, o día da súa investidura.

Hai municipios indisolublemente unidos a un personaxe. A alguén que, polas súas extravagancias, as súas aventuras ou os seus méritos, adquiriu a condición de actor principal na historia recente do concello en cuestión. Portas é un deles. ¿O protagonista? O seu alcalde, Roberto Vázquez, un peculiar político que rexeu os destinos do pequeno concello pontevedrés durante os últimos vinte anos con man de ferro. Un rumbo que podería cambiar bruscamente en breve se prospera a acusación por delito fiscal que lle imputan a Fiscalía e a Avogacía do Estado en representación da Axencia Tributaria (AEAT).
O seu caso garda paralelismos co de Gerardo Conde Roa, o exalcalde santiagués forzado a dimitir despois de que asumise un delito fiscal. A defensa de Roberto Vázquez remitiu unha proposta de acordo á Fiscalía e ao Avogado do Estado segundo a cal aceptaría os feitos dos que se lle acusa: un delito contra a facenda pública pola falta de pagamento de 151.452 euros en concepto de tributos da sociedade Pazos Souto 2000, da que é administrador único, e outro de falsidade documental.
A oferta coa que o rexedor quere resolver este asunto obrigaríao a devolver a cantidade defraudada e os intereses, pagar unha multa de 98.443 euros e as costas dos avogados do Estado, así como outras sancións menores. Para iso, puxo incluso como garantía un inmoble cuxo valor de tasación ascende a 300.500 euros. Fuentes xudiciais precisaron onte que o caso está próximo á súa solución porque tanto a Fiscalía como a AEAT están polo labor de aceptar a proposta do rexedor, algo que previsiblemente podería sustanciarse en setembro.
Roberto Vázquez pretende resolver o caso por esta vía, pero é precisamente este desenlace o que podería dar ao traste coa súa actual condición. A presión social desde fóra de Portas para que abandonase o cargo sería maiúscula ao asumir que defraudou impostos, algo así como o que lle ocorreu a Conde Roa. Certo é que, de portas dentro, o diagnóstico xa non parece tan claro. Explicábao onte con crueza un veciño: «Son vinte anos de goberno, dun xeito moi peculiar de facer política, son moitos favores. É que incluso fixo moitas obras para o pobo cos seus propios cartos...».

Ética e transparencia

Máis aló dos apoios internos, o certo é que a dirección do partido na provincia non ve con bos ollos que continúe se asume os cargos por unha cuestión de ética e transparencia. E cando chegue o momento, todo indica que lle pedirán que pase a un segundo plano. Algún recado xa lle mandaron por vía interna, aínda que polo momento Roberto Vázquez non se dá por aludido.
A súa sucesión, en calquera caso, non estaría resolta, xa que o rexedor monopolizou a xestión municipal de tal forma nos últimos anos que son poucos os concelleiros do seu grupo con percorrido para afrontar a misión de sucedelo.
Onte, no pobo, un veciño apostaba abertamente incluso por un órdago do alcalde e construtor. «Non vai ser doado botalo da alcaldía. Ten metido moito tempo neste concello como para marchar así ás boas». Quen sabe se será esa a penúltima contribución de Vázquez á historia de Portas...