26 de abr. de 2012

O BNG esixe a dimisión de Roberto Vázquez Souto

O alcalde de Portas imputado por graves delitos


O alcalde de Portas, Roberto Vázquez Souto, atópase dende hai anos inmerso nun proceso xudicial polo cal está imputado polos delitos de falsidade en documento mercantil e contra a facenda pública. Esta imputación estalle causando un grave dano ao concello de Portas.
Mentres á cidadanía se lle piden sacrificios e se lle aplican recortes, o primeiro edil está imputado por falsificar documentación para evitar pagar impostos e defraudar á Facenda.
Recentemente o grupo de goberno aprobou unha suba do 148% na taxa municipal da auga, do 186% na taxa do lixo, do 30% no imposto de vehículos, ademais de crear varias taxas novas. Medidas que se suman ao incremento dun 50% no imposto de bens inmobles aprobado dende o goberno central. Pouca credibilidade ten quen lle pide un esforzo aos cidadáns, e non paga os seus impostos.
O BNG rógalle a Roberto Vázquez e a quen o sustenta, o Partido Popular, que recapaciten e actúen con responsabilidade buscando o ben do concello. A dimisión de Roberto Vázquez como alcalde é condición necesaria para reconducir a profunda situación de deterioro das institucións de goberno.
Roberto Vázquez e o Partido Popular deben asumir responsabilidades políticas. Feitos como os que están a acontecer en Portas só afondan no desprestixio da política.
O BNG pídelle coherencia ao Partido Popular e que actúe de igual forma que no caso “Conde Roa”, onde ante unha imputación de menor gravidade mostrou unha actitude ben diferente.
Mañá, venres 27 de abril, ás 14:50 h. celebrarase un pleno ordinario no que o grupo municipal do BNG solicitará a dimisión do alcalde.

O Bloque Nacionalista Galego esixe a dimisión de Roberto Vázquez Souto como alcalde do concello de Portas e esixe que o Partido Popular asuma a súa responsabilidade política por amparar e permitir que un cargo da súa cor estea imputado por defraudar á Facenda Pública cando a diario lle esixe sacrificios aos cidadáns.