22 de nov. de 2012

O BNG reclama modificar as ordenanzas fiscais

As novas taxas municipais provocan indignación

Nas últimas semanas os veciños e veciñas de Portas están recibindo nos seus domicilios os avisos de cobro correspondentes ao primeiro semestre de 2012 das taxas polo abastecemento de auga e a recollida de lixo. Estes recibos reflicten por primeira vez as modificacións das ordenanzas fiscais aprobadas o pasado mes de decembro polo goberno municipal, por aquel entón aínda do Partido Popular. No seu día, o goberno municipal rexeitou as alegacións dos veciños e veciñas a pesares de ir acompañadas de máis de 700 sinaturas e agora a indignación é masiva.
O BNG opúxose ao incremento das taxas municipais por consideralo desproporcionado, indiscriminado e inxusto. Desproporcionado por supor incrementos do 1700% en moitos casos, indiscriminado por non ter en conta a situación económica particular das familias ou o tamaño das empresas e inxusto porque fai recaer nos veciños e veciñas de Portas as consecuencias dos excesos e a mala xestión do goberno municipal nos últimos vinte anos.
As novas taxas municipais son un auténtico espolio aos emprendedores e emprendedoras de Portas, que sofren indignados unhas taxas que son moi superiores ás dos concellos do entorno.

O Bloque Nacionalista Galego esixe que se modifiquen de forma urxente as ordenanzas fiscais reguladoras das taxas municipais para adaptalas á realidade social e económica do concello, e para acadar este obxectivo, adoptará todas as medidas que estean ao seu alcance.

13 de nov. de 2012

Proceso e estado de tramitación do PXOM

Nestes momentos atópase en redacción o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello de Portas, un documento de extrema importancia para o futuro desenrolo do concello que influirá en gran medida na vida dos veciños e veciñas.
O grupo de goberno, composto polos concelleiros dimitidos do Partido Popular (ex-PP), novamente incumprindo os seus compromisos e promesas están a manter todo o proceso de tramitación do PXOM no máis absoluto secretismo, obscurantismo e depotismo, sen considerar a participación e aportación dos axentes sociais, asociacións, comunidades de montes, oposición, ...
Ante as numerosas dúbidas que ao respecto da tramitación do PXOM ten a cidadanía, o BNG de Portas pon a disposición de todos a seguinte información que pretende aportar un pouco de luz a este proceso.

O proceso de tramitación dun PXOM resúmese nas seguintes fases (ver normativa):

1ª FASE (elaboración do planeamento):
- Recopilación de información.
- Transmisión de información da Consellería de Territorio, Medio Ambiente e Infraestruturas (MATI).
- Redación do Documento de Inicio.
- Información Pública do Documento de Inicio (1 mes).
- Obtención do Documento Ambiental de Referencia (ou simplemente Documento de Referencia).
- Elaboración do Informe de Sustentabilidade Ambiental.

2ª FASE (tramitación do planeamento):
- Emisión de informe de conformidade coa lexislación vixente.
- Remisión do expediente completo á MATI (Documento de Aprobación Inicial).
Informe Previo da MATI. *
- Aprobación Inicial do plan por parte do concello.
- Período de consultas e información pública do Documento de Aprobación Inicial (2 meses).
- Obtención dos Informes Sectoriais.
- Elaboración do Informe de Participación e Consultas.
- Elaboración do Documento de Aprobación Provisional (expediente completo) e da proposta de Memoria Ambiental.
- Obtención da Memoria Ambiental.
- Aprobación Provisional do Pleno do Concello.
- Remisión do Documento de Aprobación Provisional á MATI para Aprobación Definitiva.
- A MATI procederá á: aprobación definitiva, ou solicitude de modificacións, ou denegación por inviable.

*: situación actual de tramitación do PXOM do concello de Portas. A emisión do Informe Previo por parte da MATI realizouse o pasado 2 de outubro de 2012. Este informe é moi crítico co Documento de Aprobación Inicial presentado polo grupo de goberno (ex-PP) apreciando innumerables erros, algúns deles tan burdos como o propio nome do concello de Portas (parece que ata en documentos tan importantes como un PXOM se emprega o "cortar e pegar" indiscriminadamente).

Pinchando nas ligazóns pódense obter os seguintes documentos:

9 de nov. de 2012

Convocatoria da asemblea local de Portas

O sábado 10 de novembro ás 20:00 h. celebrarase unha asemblea no local da antiga cámara agraria de Portas.
Trataranse os seguintes temas:
- análise dos resultados electorais e situación actual,
- estratexia de traballo futuro,
- varios.
Rógase asistencia e puntualidade.