9 de xul. de 2011

Soldo do Alcalde de Portas

O venres pasado, 8 de xullo, aprobouse a organización do Concello de Portas para a recentemente estreada lexislatura. Entre os puntos máis polémicos aprobados cos únicos votos a favor do grupo do Partido Popular pódense mencionar:
- Os plenos ordinarios celebraranse cada 2 meses, o último venres hábil dos meses pares ás 14:50 h.
- O Alcalde terá unha dedicación exclusiva e cobrará 40.886€/anuais en 14 pagas.
- Creouse a Xunta de Goberno Local composta exclusivamente por membros do Partido Popular (o Alcalde e tres Tenentes de Alcalde), e polo tanto, sen representación dos grupos da oposición.
Delegáronse na Xunta de Goberno a meirande parte das competencias do Pleno da Corporación.


O BNG de Portas considera que:
O horario dos plenos é totalmente inadecuado pois impide de forma efectiva que os veciños e veciñas poidan asistir a eles. O BNG propuxo que os plenos se celebrasen ás 20:00h no verán e ás 19:00h no inverno pero a súa proposta foi rexeitada polo PP.
O Alcalde debe ter dedicación exclusiva para traballar no concello e, fuxindo da demagoxia, debe ter un salario acorde ás súas obrigas e responsabilidades. Sen embargo, opoñémonos totalmente a que o salario do Alcalde de Portas sexa superior ao de alcaldes de concellos próximos moito máis grandes (Caldas de Reis, PSOE, 10.300 habitantes, 40.700€/anuais) (Cuntis, PP, 5.171 habitantes, 35.000€/anuais) (Moraña, PP, 4.274 habitantes, 33.000€/anuais).
- Excluír á oposición da Xunta de Goberno Local, aínda que legal, é unha manobra do Partido Popular para impedir que o BNG poida desempeñar o seu labor de oposición.
O obxectivo do PP ao delegar case todas as competencias do Pleno na Xunta de Goberno é baleirar de contido os Plenos da Corporación, unha vez máis para limitar o traballo de oposición do BNG.


A estratexia do Partido Popular é limitar por todos os medios o traballo de oposición do BNG.
Exclúe ao BNG da Xunta de Goberno.
Delega as competencias do Pleno na Xunta de Goberno.
Oculta as decisións da Xunta de Goberno. Lembramos que antes das eleccións municipais o PP negoulle durante 7 MESES ao BNG as actas da Xunta de Goberno, a pesares de que por lei teñen a obriga de entregalas en menos de 10 días dende que se celebran.