16 de maio de 2011

Outra tomadura de pelo do Partido Popular de Portas

Pinchar para agrandar
Estes días, faltando menos dunha semana para as eleccións municipais, o grupo de goberno editou un novo número do "Boletín Informativo" (maio 2011).
O BNG denuncia o uso partidista dos recursos municipais para facer campaña electoral a prol do Partido Popular. Dende maio de 2007, coincidindo tamén con campaña electoral, o concello de Portas non volveu a editar boletíns informativos ata: decembro de 2010 e logo en marzo, abril e maio de 2011. Os boletíns informativos son redactados por persoal do concello, impresos cos medios do concello e entregados nos buzóns por un funcionario municipal.
Estes panfletos só conteñen información sesgada e manipulada, coa clara intención de influir na bontade dos electores de cara ás vindeiras eleccións locais do 22 de maio.
Nestes boletíns, o grupo de goberno atribúese obras nas que non participa, e só informa de obras subvencionadas por administracións gobernadas polo seu propio partido, non advertindo da orixe dos fondos se  a obra é financiada por administracións gobernadas por outros partidos. Novamente, cunha clara intención de influir na campaña electoral.
Por suposto non se informa da solicitude dun crédito urxente o pasado luns por valor de 350.000€ ou que absolutamente ningunha das obras é financiada polo concello.
Un bo exemplo destas afirmacións pódese atopar en calquera do boletíns, pero especialmente no boletín de maio de 2011, onde podemos atopar o anuncio de varias festas ou información de obras en execución que deberían estar rematadas hai anos (pinchar na imaxe para agrandar).
Obra 1: financiada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Provincial de Cooperación 2010. ESTAMOS EN MAIO DE 2011.
Obra 2: financiada pola Consellería de Medio Rural a través do Plan de Infraestruturas Rurais 2010. ESTAMOS EN MAIO DE 2011.
Obra 3: financiada pola Consellería de Medio Rural a través do Plan de Infraestruturas Rurais 2010. ESTAMOS EN MAIO DE 2011. A depuradora de Fontenla leva máis de 3 anos instalada pero sen poñer en funcionamento porque non tiña subministro eléctrico porque o concello se esquencera da súa necesidade.
Obra 4: financiada pola Sociedade Pública de Investimentos de Galicia a través do Plan de Accesos a Explotacións Vitivinícolas e Gandeiras 2009. ESTAMOS EN MAIO DE 2011.
Obra 5: financiada pola Consellería de Medio Rural a través dos Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural 2010. ESTAMOS EN MAIO DE 2010.
Obra 6: menos mal que as fontes se limpan unha vez ao ano.
Obra 7: financiada pola Xunta de Galicia cun orzamento de case 200.000€. A única prioridade para o PP é a Azucreira.
Obra 8: proxectada, executada e financiada 100% pola Comunidade de Montes de Briallos. O concello de Portas non colaborou absolutamente en nada, só dou o permiso para que se colocase a fonte no Albergue de Peregrinos de Briallos. Atribuirse esta obra é falsear a realidade.

Obras que se tiñan que haber feito en 2009 e 2010, estanse a realizar en maio de 2011 coa única intención de concentrar a execución de obras en campaña electoral. Esta actitude do Partido Popular e do seu candidato Roberto Vázquez mostra unha vez máis os seus métodos caciquís e antidemocráticos.
As mentiras, as falsidades, a opacidade, a venda de favores ou o nepotismo serán actitudes desterradas do concello de Portas se o BNG acada a responsabilidade de goberno.