2 de maio de 2011

A falla de coraxe do PP impide os debates electorais en Portas

Guillerme Vázquez e Arturo Fontán.
O Partido Popular de Portas, mostrando unha vez máis a súa cara máis antidemocrática e intransixente, négase en rotundo a debater co resto de candidaturas, privándolle á cidadanía ao dereito a contrastar as diferentes opcións e alternativas de goberno.
Por negativa explícita do candidato do Partido Popular, Portas é o único concello da comarca que non tivo debate electoral na canle de televisión Canal Rías Baixas (Telesalnés). Téñense celebrado debates en todos os concellos do noso contorno (Moraña, Caldas, Barro, Meis e Vilanova), sexan gobernados polo PP ou polo PSOE. Incluso en lugares como Amil, a asociación de veciños da parroquia organizou un debate entre os candidatos.
Porque outra forma de gobernar é posible, o BNG de Portas ten un programa propio que está disposto a defender e confrontar coas outras opcións políticas.
Para superar este déficit democrático, o candidato do BNG, Arturo Fontán, está disposto a debater publicamente, no día, hora e lugar que o Partido Popular estableza, incluso co membro da candidatura que consideren oportuno.