21/03/2011

O Valedor do Pobo confirma a adxudicación a dedo

O alcalde debe iniciar a adxudicación do bar da Azucreira
A pesares de que é de dominio público que o bar-cafetería da Azucreira foi adxudicado a dedo polo alcalde (ver documento), o PP non fixo absolutamente nada ao respecto, máis ben ao contrario, dedicouse a mentir pretendendo cambiar a realidade.
Instalacións da Azucreira
Ante o desprezo do PP por darlle oportunidades a outras persoas para explotar o bar, mediante unha licitación pública, os feitos foron postos en coñecemento do Valedor do Pobo.
A pesares da lentitude do proceso, debido aos atrancos postos polo goberno municipal do PP, o Valedor do
Pobo resolveu a favor do BNG formulándolle ao alcalde un recordatorio de deberes legais, que textualmente di:
o Concello de Portas debe iniciar a tramitación do expediente administrativo procedente para adxudicar o disfrute e aproveitamento das instalacións existentes no edificio municipal da Azucreira mediante unha licitación pública.
O bar da Azucreira debe ser, pois, adxudicado mediante unha poxa pública na que calquera veciño ou veciña
poida participar en igualdade de condicións.
Non está de máis lembrar novamente que o BNG non cuestiona se a xestión do actual concesionario das instalacións é axeitada ou non, o que afirma é que a cesión existente é irregular polo que debe revogarse, dándolle as mesmas oportunidades a todas as persoas que queiran concursar á concesión do citado bar.